
O alcalde Xoán Castaño fala de «caos e de situación inadmisible»
05 jun 2025 . Actualizado a las 11:22 h.En Catoira segue o malestar pola prestación sanitaria no centro de saúde por falta de persoal. Un grupo de veciños volveu mobilizarse este mércores, pancarta en man e recollendo firmas e o alcalde Xoán Castaño reuniuse nas últimas horas co xerente da área sanitaria do Sergas para abordar a cuestión. O rexedor quedou «totalmente insatisfeito» co resultado desta entrevista por que no se dá solución á falta da facultativas, afirma. Castaño explicou que o xerente confirmou que a situación actual, cunha doutora de baixa indefinida e outra con xornada reducida e tendo que facer gardas noutras localidades, prolongarase como mínimo ata o 1 de xullo. «Entón a situación mellorará, pero apenas levemente, xa que a segunda médica pasará a cubrir a totalidade das horas de contrato: dado que terá que seguir facendo gardas noutros centros de saúde, a situación en Catoira seguirá a ser deficitaria. Dende o Sergas explicaron ao alcalde que seguirán ordenando ‘prolongas’ con outros médicos de maneira puntual para paliar a situación, pero só apenas uns días cada semana», segundo informa a alcaldía.
No caso da outra doutora, en situación de incapacidade temporal indefinida, o xerente explicou que non hai posibilidade de cubrir a súa praza por falta de médicos dispoñibles e apuntou que a partir do 15 de xullo intentarase cubrir a baixa tamén con estudantes MIR que fan prácticas, segundo a información facilitada pola alcaldía. Castaño fala de «parche» e dunha situación de «caos» en atención primaria.
«É inadmisible. A xente está moi preocupada e con razón. Hai unha total falta de planificación porque todos estes problemas de baixas arrástranse dende hai tempo sen buscar alternativas», denuncia o rexedor.