
O barco foi construído por Ana González, restauradora e guía do centro
29 jul 2025 . Actualizado a las 20:58 h.Actualmente os visitantes da exposición permanente do Centro de Activación Cultural Torres do Oeste (CACTO) poden admirar unha nova maqueta, a tamaño reducido, dun barco vikingo. O centro xa contaba coa reprodución dunha embarcación usada polos normandos para navegar polos ríos e a forma desta é longa e de pouco calado, polo que seguramente foi a utilizada en Catoira.
A nova maqueta representa unha embarcación de guerra, máis ancha e grande que o drakkar xa exposto no CACTO e foi enviada pola multinacional de videoxogos, Viking Rise, que apoia tanto a romaría que se celebra esta semana, como ao museo có envío de pezas como esta.
Sinxelo, pero laborioso
Ana González, restauradora e guía do Centro de Activación Cultural Torres do Oeste, foi a encargada de montar a maqueta despois de que o tenente de alcalde, Raúl Gómez, llo propuxera. Ela mesma explica como a finais de xuño recibiu un paquete no que se atopaban as pezas do drakkar, un vídeo explicativo e un manual. A muller púxose mans á obra e en menos dun mes xa rematara a tarefa, iso si, con algunha dificultade. Como ela mesma comenta, foi un traballo sinxelo, pero laborioso ao ter que realizar outras tarefas de por medio.
«Algunhas pezas van pegadas con pegamento, polo que a veces xusto cando unía dous fragmentos entraba alguén no centro. Eu tiña que estar cunha man anotando os datos dos visitantes e coa outra agarrando os anacos para que se quedasen fixos», explicaba a muller entre risas, xa que, ao traballar soa, tivo que compaxinar o posto de guía coa labor de construción.
A exposición sobre a historia de Catoira do CACTO está preparada para que ata os máis pequenos poidan comprender todo e neste mes de xullo xa levan máis de 800 visitantes, aínda que en agosto contan con recibir a máis de 1.000 persoas, cifras máis ou menos parecidas ás do ano pasado.
Obxectos de tódalas épocas
No centro pódense encontrar obxectos da Idade do Bronce, da Idade do Ferro e da época romana, aínda que case todo o mostrado son réplicas, por mor da preservación dos orixinais. Destaca a reprodución dunha moeda do século XII, atopada en Catoira e acuñada na época de Diego Xelmírez, a maiores, para aqueles que nunca asistiron ao desembarco, poden ver un vídeo deste nunha das salas do centro.
Se os visitantes chaman ao Centro de Activación Cultural Torres do Oeste previamente poderán gozar dunha visita guiada realizada por Ana González.