![](https://img.lavdg.com/sc/rBsdZqRRnCn4LpVpTfAV4UoeOwY=/480x/2024/08/21/00121724266262205637801/Foto/P11S2102.jpg)
Os interesados en participar na Carreira Popular Concello de Meaño poden anotarse ata o xoves 5 de setembro
22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A lexión de afeccionados ao atletismo de rúa poden comezar a inscribirse xa na proba decana do Salnés. A organización da trixésimo oitava edición da Carreira Popular Concello de Meaño abriu a conta atrás dunha cita programada para o domingo 8 de setembro.
Os interesados deben apuntarse a través da páxina web www.championchipnorte.com. Deberán facelo non máis tarde das 23.59 horas do xoves 5 de setembro, por canto desde o Concello de Meaño, responsable da proba deportiva, deixan ben claro que non se admitirá ningunha inscrición fóra do prazo sinalado.
Os deportistas serán agrupados en once categorías de idade. A de chupetes, limitada a nenos nados do 2020 en diante, contará con 100 metros de percorrido e será a única non competitiva. Os nados entre o 2017 e 2019 correrán 1.070 metros, os que naceran entre o 2011 e 2016, 1.600 metros, e o resto os 6.330 que mide o trazado tradicional da Carreira Popular Concello de Meaño. Estes últimos tomarán a saída ás once da mañá, con 1.200 euros de premios en metálico en xogo.
Así, o primeiro clasificado masculino e feminino levaráse o Premio Paco & Lola, un pack de 300 euros e o peso de cada atleta gañador en botellas de viño da adega. Os segundos na meta recibirán 200 euros e unha fin de semana para dúas persoas no hotel Quinta de San Amaro. E os terceiros, 100 euros e unha cesta con produtos típicos galegos. O pontevedrés Miguel García e a ponteareana Alice Finot foron os gañadores na edición do 2023.
Sendo unha carreira sen custe para os corredores, desde o Concello de Meaño anímase aos participantes a acudir cun quilo de alimentos non perecedoiros para a súa posterior distribución entre familias que precisen de axuda.
Máis aló da carreira, a Popular meañesa volve ofrecer en paralelo unha andaina, non competitiva, sobre un circuíto de 3,5 quilómetros. Os interesados en participar nela deberán inscribirse obrigatoriamente na web da proba: www.championchipnorte.com.