
O campión de Liga da División Honor Plata Femenina foi recibido polo Concello
25 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado día 5, o Inelsa Solar Asmubal Meaño convertíase no primeiro equipo de balonmán do Salnés en proclamarse campión de Liga nunha categoría nacional. Concretamente, do Grupo A da División Honor Plata Femenina. Dezanove días despois, na véspera da partida do conxunto que adestra Juan Manuel Costas á cancha do Lleida Handbol Club para disputar este sábado a ida da súa eliminatoria por un posto na final a catro polo ascenso a Ouro, o Concello de Meaño tributoulle onte unha recepción oficial no consistorio ao Asmubal en recoñecemento á súa brillante campaña, que inda está en disposición de mellorar.
«O Concello, en nome de Meaño, quere felicitar o Asmubal polo fito histórico de ser campión da División Honor Plata. Desde aquí reiteramos que é unha honra para todos nós», declarou o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez. Acto seguido, o rexedor meañés obsequiou o equipo cun recordo, que lle entregou á capitana do Asmubal e canterana do club, Laura Miniño, agasallando a cada unha das integrantes do cadro meañés cun pin co escudo do Concello. No acto Viéitez quixo recoñecer tamén os pioneiros do balonmán no municipio.
«Fixemos historia. Creo que foi un título moi merecido, sobre todo para as xogadoras e para o corpo técnico», declarou a presidenta do club. Silvia Lobato fala dun premio ao traballo dun cadro de deportistas que, aproximadamente nun 90 por cento repetían no vestiario meañés e viñan de «pasalo fatal o ano pasado», co Inelsa Solar evitando o descenso na derradeira xornada de Liga. Nada que ver co que sucedeu esta campaña, na que ao contrario ca na anterior, as lesión respectaron o grupo ata practicamente a conclusión do calendario da fase regular e coa clasificación entre os oito equipos con dereito a soñar co salto á División Honor Oro Femenina no peto. «Este ano as cousas saíron de cara, e merecíano», di Lobato. Tamén, engade, a directiva que encabeza desde hai xa máis dunha década. «Para nós, como club é un premio ao traballo de doce anos, a ir enfrontándonos a diferentes retos. É un premio ao traballo de todos, tamén da afección, dos pais e das nais que nos botan unha man», salientou a presidenta da entidade meañesa.
Hoxe, ás dúas e media da tarde, dúas ducias de xogadoras, de técnicos e de directivos parten en tres furgonetas con destino Lleida, onde durmirán antes de encarar a ida do duelo co cadro catalán mañá desde as sete e media da tarde. Sobre que posibilidades lle ve Silvia Lobato ao Inelsa Solar Asmubal Meaño ante o segundo clasificado do potente grupo catalán e valenciano que ben puido ter rematado campión, a primeira directiva non se molla: «Depende do que pase iremos a unha fase de ascenso —o que se está a xogar é unha previa— e iríamos a ela a competir; e o traballo, o esforzo e a sorte dirán onde nos quedamos». Agora, di Lobato, o que toca é «desfrutar deste partido, e sobre todo do do día 3 de maio en Coirón», onde as de Juan Manuel Costas confían en volver elevar o seu histórico listón co apoio da súa xa feliz afección.
E é que de superar o seu cruce do Lleida Handbol Club, o Inelsa Solar Asmubal Meaño accedería a unha fase final a catro polo ascenso á que non deu chegado no seu único precedente entre os dous mellores equipos do seu grupo na DH Plata Femenina. Dous anos atrás, o campión da mesma conferencia do Lleida, o Mislata, pasou por riba das xogadoras de Costas no cruce previo.