Juan Manuel Costas encadeará o seu sexto curso á fronte do Asmubal animado por recoller á fin o traballo coa canteira
MEAÑO

O técnico de Mos poderá convocar aos partidos de División Honor Plata Femenina a catro xogadoras que veu pulindo nos dous últimos anos tras o seu paso a xuvenís
20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Juan Manuel Costas volverá dirixir o primeiro equipo feminino do Asmubal Meaño. O técnico de Mos cumprirá a súa sexta tempada á fronte do vestiario de Coirón tras aceptar a oferta de renovación presentada pola directiva que preside Silvia Lobato. Tras o seu si, explica o adestrador, «a miña maior motivación para seguir foi poder empezar a levar as rapazas da canteira ao primeiro equipo».
O técnico do Asmubal sempre dispuxo de xogadoras da casa desde a súa chegada ao club, no ano 2019, pero todas elas, forxadas por outros adestradores da base meañesa. María (porteira), Claudia (extremo esquerda), Alba (lateral dereita) e Raquel Muñiz (primeira liña), pola contra, acumulan dous anos de traballo coas integrantes do primeiro equipo baixo a batuta e o criterio de Costas. Dous anos nos que, por ser inda cadetes, a normativa impedía a súa participación nos partidos de División Honor Plata Femenina, unha limitación que desaparecerá o vindeiro outono co seu paso á etapa xuvenil.
Costas amósase encantado con poder comezar a testar en condicións de xogo real o gran potencial que ve nas catro xogadores tras dous anos traballando con elas, incluíndo un plan físico específico deseñado polo preparador do primeiro equipo, Guillermo Martín. O adestrador do Asmubal está centrado agora na confección do cadro de xogadoras séniores, amosándose onte confiado na continuidade do groso do equipo 2024/25.