










Meaño foi asoballado polas lapas no peor incendio do verán en Arousa, que queimou 80 hectáreas de superficie arborada
31 ago 2025 . Actualizado a las 11:43 h.O 1 de agosto ardían en Meaño máis de oitenta hectáreas no monte da Queimada. As lapas e o fume podíanse ver dende toda a contorna e permaneceu activo 46 horas. Case un mes despois, visitar esta paraxe natural séntese como estar en pleno centro dunha gran ferida. Dende lonxe vese como unha mancha escura e marrón no medio do verde e dende preto vese en cor negra e respirase de a modiño, con coidado de non tragar cinzas.
Fotograficamente é imposible non quedar fascinada ante o contraste ou falta de cores que me rodea. Semella unha paisaxe desértica de película, como se a realidade estivese alterada por ferramentas de edición. Dende a estrada a falta de vexetación fai posible ver o desnivel xeográfico da montaña, polo que parece que a persoa que a percorre conduce ao borde dun gran desnivel polo que pode caer.
O principal atractivo deste monte é o miradoiro da Queimada dende onde se pode ver todo O Salnés, coa Illa de Arousa e a península do Grove como protagonistas, e A Pobra do Caramiñal de fondo. Camiñando cara arriba chegas ao miradoiro e atopas que este punto foi un pequeno refuxio entre as lapas. Un piñeiro sobreviviu a medias, encarnando a resistencia do resto do monte a ser consumido polo lume.
Tan só un mes despois, entre o negro das cinzas que mancha rapidamente as zapatillas asoma o verde dos fentos, que renacen grazas ás catro pingas que o ceo deixou caer estes días. Unha mostra de resistencia do monte galego entre as caveiras nas que se converteron as troncos das árbores que antes habitaban a zona.