Un Asmubal Meaño en transición arrinca con derrota

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

As de Juan Manuel Costas, que inician a temporada sen Cárol Ferreira nin Raquel Sineiro, caeron en Coirón nun encontro axustado fronte á Sar 

30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño comezou o sábado con mal pé a súa nova temporada na División Honor Plata Femenina. O vixente campión do Grupo A da terceira categoría estatal perdeu 30-33 a mans dun dos clásicos da Liga e habitual da zona nobre da clasificación, a Sar. Un encontro aberto, que as de Juan Manuel Costas acabaron perdendo lastradas pola mala xestión do paso obrigado de Agustina Ballada dous minutos polo banco mediada a segunda parte.

De ata tres goles chegou a gañar o Asmubal Meaño na primeira media hora de encontro, que rematou só un arriba: 16-15.

Con momentos francamente bos, tanto en defensa como en ataque, o cadro local perdeu o seu sitio coa exclusión de Ballada a falta de doce minutos para o remate do encontro. Nin as xogadoras nin Costas, desde a banda, atoparon a tecla para manexar o momento máis delicado do encontro, dando pé a un parcial de 0-5 que liquidou as opcións de vitoria meañesa.

O adestrador do Asmubal salientaba onte que o seu equipo se atopa en plena transición, logo de quedar este verán sen Guadalupe Larralde, que fichou en Zaragoza en DH Ouro, e Nadia na portería, sen Paula Rey, retirada, no extremo dereito, e sen Eli Méndez, o cerebro do equipo, que se perderá a súa segunda tempada nos tres últimos anos logo de volver romper o mesmo xeonllo e ter que pasar de novo por quirófano.

Coa pivote brasileira Cárol Ferreira sen data de estrea inda fixada por problemas musculares, con Raquel Sineiro en recuperación dunha operación de menisco e con Laura Miniño adestrándose inda desde a semana pasada, Costas é consciente do moito por diante de cara a construír un bloque sólido e solvente. Un proxecto que este ano asumiu coa ilusión de irlles dando minutos ás xuvenís de primeiro ano Raquel Muñiz, Alba Domínguez, Claudia Vera e María Beis. Elas son os reforzos, xunto coa porteira Irene Ríos e a pivote Irene Romero, fichadas do Cangas B, e da primeira liña brasileira Nicole Luz.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (30): Irene Ríos (1), Nicole Luz (5), Arangio (7), Sabela Miniño (2), Currás, Ballada (6), Uxía, Vera, Alba Domínguez, Laura Miniño (3), Irene Romero (1), Luna, Raquel Muñiz (1), Vanesa Domínguez e Shaila (4).

SAR RODAVIGO (33): Lucía Pérez (5), Oliveira (3), Ayude, Sandra Fernández (11), Cecilia Rodríguez, Goretti (5), Sara Vilaboa, Ángela Vilaboa (4), Magallanes (2), Eva Rodríguez (1), Buján (2), Gómez, Varela y Leire. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-4, 5-5, 8-9, 10-10, 12-11, 16-15 (descanso); 17-16, 19-19, 23-22, 26-27, 27-32 e 30-33.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Carlos M. Alonso e Marta González. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Irene Romero (min 32.42), Agustina Ballada (47.53) e Laura Miniño (59.12) e as visitantes Alejandra Buján (18.34) e Lucía Pérez (39.29).