O Asmubal visita a cancha doutro grande vido a menos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A tempada pasada, o Grupo A da División Honor Plata Femenina do balonmán español remataba co Inelsa Solar Asmubal Meaño como campión de conferencia e co Balonmano Gijón segundo, logo dunha loita pechada pola orde de ambos os dous nos postos con dereito a disputar a fase de ascenso. Hoxe, desde as sete e media da tarde, volverán verse as caras, en cancha asturiana. Só que desta volta no polo oposto da clasificación, co cadro xixonés cuarto pola cola da táboa e o de Meaño antepenúltimo, empatados a 1 punto tras perder cada un dous dos seus tres primeiros partidos de campionato.

No caso do Asmubal, a razón semella clara. O club non foi quen de reter a moitas das xogadoras que lle daban un plus, cando non un punto diferencial a tempada pasada, ao que se sumaron as lesións de Eli Méndez, para toda a tempada, e de Cárol Ferreira e de Raquel Sineiro neste inicio de campaña.

Así as cousas, o adestrador do conxunto meañés, Juan Manuel Costas, desprázase hoxe, con saída ás 13.30 horas, con tan só trece efectivos. E entre elas, as tres xuvenís que traballan desde a pretempada na dinámica do primeiro equipo como o resto das súas xogadoras, Claudia Vera, Alba Domínguez e Raquel Muñiz.