Dende a institución mancomunada alertan sobre novas formas de violencia de xénero e da violencia vicaria
28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai persoas e organismos que afrontan a loita contra a desigualdade e contra a violencia de xénero tódolos días do ano. O papel dos CIM (Centro de Información á Muller) nese sentido é fundamental. O da Mancomunidade do Salnés, que ten sede en Cambados, aínda que ofrece servizo a outros catro concellos (Vilanova, Meis, Meaño e Ribadumia), e leva aberto máis de dúas décadas, indica que cada ano atende a entre 300 e 350 mulleres en situación de vulnerabilidade, sen apreciarse nin aumentos nin descensos significativos. No 2024 foron 374, e este ano van xa por 330.
A definición de muller en situación de vulnerabilidade é ampla e aberta. Poden ser persoas vítimas de violencia de xénero, pero tamén mulleres en risco de pobreza, migrantes, persoas maiores, viúvas, embarazadas ou mulleres con diversidade funcional. O perfil máis frecuente é o de mulleres entre 25 e 45 anos con emprego, pero precario.
En poucas ocasións teñen que atender aos casos máis graves, pero a maior parte dos exemplos de violencia contra as mulleres non chegan a copar titulares. Unha das formas coas que máis deben lidar a directora da entidade, Mariña Varela, e as súas compañeiras, é a violencia vicaria cotiá contra os fillos e fillas de parellas separadas: «Consiste en usar as visitas compartidas para facer dano á nai. Empregar ameazas, chantaxes, manipulación, omitir coidados ou solicitar constantemente un cambio na custodia». O que os agresores buscan con este comportamento é minar o vínculo maternofilial no seu beneficio. Por iso e dende a súa posición como avogada, Varela manifesta as súas reservas de cara a custodia compartida: «Dende os xulgados ignóranse certos contextos de malos tratos á hora de concedelas».
Novas ameazas
No CIM ofrecen asistencia legal e psicolóxica —recoñecen que ás veces reciben a pacientes derivadas dos desbordados centros de saúde— ás persoas que o requiren, pero tamén median e traballan para sacar a estas mulleres da situación de vulnerabilidade na que se atopan, buscando emprego ou axudas para as afectadas. Unha labor que denominan como de dinamización ou, falando en prata, «sacar do pozo». Nos dous últimos anos, Varela vén detectando un perfil de mulleres que antes non adoitaba achegarse aos seus centros: vítimas de trata de persoas con fines de explotación sexual. Unha tipoloxía moi particular e cunha característica fundamental. Contactan co CIM, que a miúdo o mellor que pode ofrecer nun primeiro momento é axuda psicolóxica, pero acaban deixando de coller as chamadas e desaparecendo.
Outra particularidade que sinala é que cada vez deben atender máis casos de violencia a través das redes sociais, boa parte dela, de índole sexual e que involucra a persoas menores de idade: «É moi habitual entre os máis novos. Hoxe en día os nenos e nenas necesitan o ordenador e internet para todo, para traballos de clase... O normal sería que os formasen. Desgraciadamente, moitos confunden sexualidade con pornografía».
A pesar do complexo panorama, Varela di sentirse «afortunada» de traballar nunha comarca na que aprecia apoio e concienciación de boa parte da cidadanía e de tódolos políticos, de distintas cores. Pero alerta de dúas tendencias preocupantes: en primeiro lugar, a popularización de discursos que negan a realidade ou minimizan a importancia da violencia de xénero; en segundo, a aparición de novas formas de violencia, máis veladas, pero igual de paralizantes de cara as mulleres: «Dende que traballo no CIM vexo mellorías, pero tamén moito receo. A procura da igualdade é unha loita continua».