Meis recupera a Feira Labrega como antesala a unha Festa dos Callos chea de deporte e música
MEIS

Repiten os clásicos da BTT e a degustación do domingo na praza de España
21 jun 2025 . Actualizado a las 11:59 h.O Concello de Meis organizou seis días de actividades para San Bieito que culminará o domingo 13 de xullo ca Festa dos Callos, que cumprirá a súa 33 edición. A alcaldesa Marta Giráldez e membros do seu goberno compareceron este venres para presentar un programa que «pensado para todos os públicos».
O programa arrincará o 28 de xuño co quinto Torneo Interparroquial Concello de Meis no campo de fútbol municipal José Betanzos «Pepe» a partir das 10 horas no que participan equipos de todas as parroquias. O 6 de xullo retómase a Feira Labrega en Mosteiro logo de dous anos de parón coa presenza de artesáns e postos nos que se amosarán oficios tradicionais; non faltarán tapas de callos e carneiro e música.
O 10 de xullo comezará co IX Torneo de Xadrez Concello de Meis e continuará cun obradoiro sobre xadrez para todos os públicos na casa da cultura; seguirá cun showcooking ás 12.30 no mercado de abastos a cargo do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés cos callos como prato estrela e pola tarde chegará a música (20.30 horas) co espectáculo Elas da Compañía Vero Rilo, nos xardíns da Casa de Escudeiro, e Somoza Trío ás 22 horas na rampla da Feira.
O venres, día de San Bieito, haberá misas e procesión e a Banda da Escola de Música Cultural de Meis animará as rúas desde primeira hora da mañá. Los Lunes al Sol actuarán na Praza de España na sesión vermú e ás 17 horas haberá unha festa infantil con inchables na Praza de España. A xornada rematará coa verbena a cargo de La Banda de Ayer e New York.
O sábado, día de San Cristobo, celebrarse a tradicional procesión a partir das 19.30 horas con saída da Praza de España con premios para os vehículos mellor engalanados. Ás 20.30 horas pola tarde haberá Música Miúda e logo verbena con América e Fania Blanco Show.
O domingo 13 de xullo celebrarase a décima edición da Ruta BTT Festa dos Callos —que este ano é proba federada— a partir das 9 horas que organiza o club Armenteira e punto. Ás 11.30 horas empezará a degustación e reparto de callos, con racións a 12 euros incluída a cunca de barro. Tamén se servirán callos para levar, pois ese día son moitos os fogares de Meis, e doutros concellos tamén, que xantan garavanzos aínda que faga calor. A amenización musical correrá por conta da charanga Alambique e o dúo La Mecánica e pola noite, verbena con Capitol.