Meis encheuse onte con amantes dos cabalos de toda Galicia que puideron formar parte das distintas probas que aconteceron ao longo do día no recinto
16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O concello de Meis é coñecido en toda Galicia polas súas feiras, e o encontro que se produciu onte ao longo de todo o día proba un ano máis a calidade destes eventos no municipio. A Feira Anual do Cabalo volveu a repetir a fórmula do éxito dos últimos anos e saíu invicta nun encontro que atraeu aos amantes dos animais de toda a comunidade ata o Mosteiro.
As portas do recinto feiral abríronse ás oito e media da mañá, momento no que moitos entusiastas xa puideron inscribirse nas competicións que tiveron lugar ao longo do día. Arredor das 10.00 horas saíu do lugar a terceira edición do paseo cabalar, que seguiu o mesmo percorido que en pasadas edicións. En total sumou a máis de 300 persoas que puideron pasear a amosar aos seus cabalos na vila.
Mentres, o interior do recinto foi sumando persoas e animais. Os triunfadores do día son, sen dubida, tres ponis que atraían as miradas de adultos e pequenos, aínda que só os segundos se acercaban a acaricialos. Tamén chamaban a atención un conxunto de burros, un cabalo bretón de catro anos que se encontraba á venda e un poldro Welsh.
Un día cheo de actividades
Ás dez e media da mañá comezaron no exterior as distintas probas morfolóxicas para cabalos, eguas e poldros de ambos sexos nas categorías de pura raza española, pura raza árabe, cruzados e pura raza galega.
Baixo a atenta mirada dos alí presentes deu comezo a proba de andadura federada, que puxo aos cabalos a correr nun espazo algo máis afastado. Separados por valados e cintas, o circuíto estaba rodeado de espectadores que observaban os andares de cada animal. «Mira ese como move as patas de atrás agora que xa quentou», comentaba un home dos que alí se encontraban sobre a feitura dun cabalo.
Xa pola tarde continuaron as distintas probas, e dende a organización confirmaban o éxito do evento, xa que levaban «a tope e sen parar en todo o día». No espazo, os protagonistas eran, como non podía ser doutra forma, os cabalos, pero estes convivían entre multitude de curiosos que tentaban arrefriarse con bebidas frías, xeados e unha degustación de racións de polbo á feira.
Ás catro e media da tarde chegou o quenda da carreira de ponis, onde participaron nenos e nenas de ata 12 anos, o futuro da Feira Anual do Cabalo de Meis, e ao acabar todos recibiron unha medalla de recordo.
Premios e éxito
Máis tarde tomou o relevo, nunca mellor dito, a proba de xincana, que comezou arredor das cinco e media da tarde cun premio de 50 euros para o gañador e trofeos para os tres primeiros. De seguido tivo lugar a proba de trote non federada, xusto despois do remate da proba de andadura federada, na que o gañador tamén se fixo cun premio de 50 euros, o segundo conseguiu 30 euros e os tres primeiros recibiron trofeos. No conxunto de todas as actividades que tiveron lugar ao longo do día, a Feira Anual do Cabalo repartiu algo máis de 3.000 euros, cifra moi necesaria para que os amantes deste tipo de animais poidan seguir celebrando reunións como esta, que poñen en valor a súa actividade. O día rematou sen incidentes grazas a que todos os participantes se fixeron cargo dos seus animais e tomaron todas as medidas de seguridade necesarias.