O deputado provincial Ricardo Martínez visitou Pontecesures para, canda a alcaldesa Maite Tocino (BNG), visitar o pavillón polideportivo municipal. Esas instalacións, anunciou, serán obxecto dunha profunda renovación toda vez que hoxe venres, a Deputación aprobará na Xunta de Goberno unha inxección económica de preto de 100.000 euros para a obras de mellora. Chegarán eses cartos a través do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está dotado con oito millóns de euros, o dobre que na súa primeira edición. Ao abeiro deste plan, Pontecesures recibirá este ano un 165 % máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 35.522 euros para reformar os vestiarios deste mesmo edificio.
Con esta nova partida, o Concello quere reformar as instalacións deportivas, que precisan dunha reparación integral por atoparse en malas condicións debido ao seu uso intensivo. En concreto, a pista multideportiva do pavillón será renovada completamente, reparando descascados e fendas e aplicando unha resina epoxi e selado con revestimento de poliuretano; substituiranse as actuais varandas e, na zona habilitada debaixo das gradas, restauraranse as vigas dos vestiarios, poranse novas portas cortalumes, aplicarase nova pintura en paredes, teitos e vigas e repararanse os descascados existentes.
«Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso», sinalou Ricardo Martínez durante a visita.