Tino e Tinín, dous ases do mesmo pau nas estradas de Galicia

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Iglesias pai e fillo completaron outro ano de éxitos, reunindo catro títulos nun caso único na comunidade

28 nov 2019 . Actualizado a las 21:54 h.

Un raparigo, nin de dez anos, cos brazos levantados ao paso dun Peugeot 205 nunha Subida a Cerceda a comezos de século. A fotografía nas oficinas de Desguaces Tino, no Polígono Industrial do Salnés, é a proba material da longa e intensa conexión que os ribadumienses Celestino Iglesias Cores, Tino, e o seu primoxénito, Celestino Iglesias Duarte, Tinín, manteñen co mundo do automobilismo como nexo. Pai e fillo protagonizan, apunta Tinín, un caso único no mundo do motor galego. Porque se ben hai outros casos, como os dos Senra no Campionato Autonómico de Ralis, o vástago de Tino non coñece outro que compaxine os calendarios de Ralis, de Ralimix e de Autocrós. E desde logo, que o faga coa potencia e o control de dous pilotos que veñen de encadear outra tempada de éxitos, reunindo catro títulos e dous subcampionatos no 2019 coa escudería familiar, Desguaces Tino Racing.

Tino pelexou ata o derradeiro día o primeiro posto da xeral do Galego de Ralimix. Pero na primeira xornada da proba de Barbadás, a pasada fin de semana, o seu copiloto e irmán, Jorge, e mais el envorcaron co seu Ford Fiesta N5, perdendo as súas xa remotas opcións de desbancar a José Fernández, da Escudería Yacar Racing de Culleredo. Os irmáns Iglesias sumaron o subcampionato de Ralimix ao título galego da Copa Top Ten Pirelli dun Campionato Galego de Ralis que acabaron quintos da xeral conquistada por Víctor Senra. Tinín e a súa parella nos apuntamentos á par do volante do seu Ford Fiesta R2, Bárbara Gómez, sumaron ao botín anual do clan os primeiros postos das xerais da Agrupación II de Ralis e a reválida do da III de Ralimix, con Iglesias Duarte recuperando ademais cun Citröen Saxo o cetro autonómico de autocrós na categoría de máis de 1.600 que xa conquistara no 2017, cando gañara tamén a de menos de 1.600, na que desta volta foi subcampión. Éxitos que a familia ribadumiense saboreou compartindo xunta practicamente cada momento.

«Sempre imos todos xuntos ás carreiras», conta Tinín. «As carreiras comezan para nós os xoves, preparando a asistencia, cargando as rodas e os coches no camión da escudería. O venres descargamos todo e montamos a asistencia no lugar da proba e procedemos ás verificacións dos coches, un traballo no que case sempre participa tamén meu pai. E xa quedamos alí para competir a fin de semana», resume o fillo.

Falabamos ao comezo desta historia dunha fotografía dun rapaz desatado ao paso acelerado dun coche, o do seu pai. «De pequeno xa ía cos meus pais ás carreiras. Botabamos horas e horas ao frío, nas asistencias, apoiando o equipo», recorda case 20 anos despois o protagonista da imaxe. «Con 10-12 anos comezaba a mover coches dentro da nave do desguace, e no 2010 -con 16-», rememora Tinín «a correr en autocrós». ¿Que lle dixo o seu proxenitor cando quixo botar a andar? «¿E que lle ía dicir? Pois nada, animalo», lembra Tino. «Este é un deporte como outro calquera, perigo non se ve», engade.

Unha década levaba o patriarca do clan Iglesias aos mandos do seu propio volante nas estradas galegas, nas que se estreaba no alto do podio dunha xeral gañando o Campionato Autonómico de Slalom do 2005. Daquela Tinín tiña once anos, pero, di, mantén a mesma imaxe do seu pai: «É un pilotazo. Todo o que se lle mete na cabeza, acábao gañando. É un piloto moi regular, coida moito máis a mecánica ca min. Eu niso xa son un pouco máis bruto».

Un punto feble este do seu fillo que Tino explica doutro xeito: «Inda que xa ten anos (25), de mentalidade é moi rapaz aínda. Un bo piloto precisa un bo coche, pero sobre todo, moi boa cabeza». E Iglesias Cores tenta axudar a amoblar a do seu primoxénito: «Dinlle todos os consellos que puiden. Sígollos dando. E algún vai collendo. En terra é moi bo».

Do asesoramento do seu pai e xefe de escudería Tinín garda como principio de cabeceira «un consello que me deu cando comecei. Díxome que non teño que demostrar nada a ninguén. Que fora collendo experiencia, e así comezarían a saír os tempos». E a sucesión de carreiras confirmouno.

A Tinín, confesa, gustaríalle «correr nun coche máis grande, un 4x4 como o do meu pai». A falta dese indispensable «bo padriño detrás» para chegar á elite, di Tino, anima o seu fillo a non pensar máis que en «pasalo ben, e gozar» do deporte que tanto une e fai feliz a toda unha familia.