Manuel Fontán e Adrián Sieiro, do Muíño, recibirán a Medalla do Comité Olímpico Español

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

Recibirán cadansúa preseas o vindeiro día 11, durante a gala anual da Real Federación Española de Piragüismo en Madrid.

01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O vilanovés Manuel Fontán Señoráns e o poiense Adrián Sieiro Barreiro, desde o pasado mes de novembro compañeiros de C2 500 no Náutico O Muíño de Ribadumia, son dous dos novos integrantes do selecto grupo de deportistas españois recoñecidos coa Medalla do COE. Así o decidiu o comité executivo do Comité Olímpico Español na súa sesión do pasado 21 de decembro, a proposta da comisión de distincións da entidade. Unha decisión que lles foi comunicada aos dous canoístas por carta, asinada polo propio presidente do COE, o ourensán Alejandro Blanco.

Fontán e Sieiro recibirán cadansúa preseas o vindeiro día 11, durante a gala anual da Real Federación Española de Piragüismo en Madrid. Será un recoñecemento ás prometedoras carreiras de dous padexeiros con sobranceiras traxectorias e ricos palmarés desde os seus anos en categorías de formación. Pero tamén a un brillante 2022 no que colleron velocidade de cara a esprintar este ano coa mirada nos Xogos Olímpicos de París 2024.

Así, o ano pasado Fontán e Sieiro compartiron tripulación no C4 500 campión do mundo sénior. O vilanovés repetiu título no mesmo barco no Mundial Sub-23 e o poiense no C2 500 no Europeo da categoría absoluta.

No C2 500, que regresará ao programa olímpico o vindeiro ano, Fontán e Sieiro, compañeiros no grupo nacional de canoa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, decidiron facer equipo coa intención de asinar os méritos precisos para poder acudir aos Xogos de París.