O ciclismo galego homenaxeará a Modesto Sánchez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Federación Galega de Ciclismo

A gala anual de Ribadumia lembrará este sábado o que foi, posiblemente, o corredor galaico amateur con máis vitorias da historia

21 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado, desde as oito e media da tarde no Auditorio Municipal de Ribadumia, a elite do ciclismo galego daráse cita para celebrar os seus moitos éxitos durante o 2023 na gala autonómica anual do deporte das dúas rodas. Unha cita que, máis aló da súa localización, contará con a lo menos dous nomes propios do Salnés, informaron onte o alcalde de Ribadumia, David Castro, e mais o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, durante a presentación do evento no consistorio saliniense.

O ciclismo galego terá un recordo moi especial para o cambadés Modesto Sánchez Losada. O fillo de Teto e pai de Ángel, corredor do Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, falecía a comezos deste ano, deixando unha profunda pegada na súa condición de o ciclista galego amateur probablemente máis laureado da historia, con 142 triunfos no momento da súa retirada aos 35 anos. Integrante do mítico Cesantesa Riego Lomba, rodando á par dun Álvaro Pino nos seus inicios e co seu pai Teto á fronte dunha das mellores escadras do pelotón elite español de finais dos 70 e comezos do 80, Modesto escribiu as súa últimas páxinas no deporte dos seus amores como mecánico do Caja Rural.

Ademais do nome do cambadés, na gala deste sábado soará o da biker grovense Lara Lois García (RG Bike), campioa de España da modalidade olímpica do ciclismo de montaña, a XCO, bronce coa selección galega na proba de relevos do Campionato de España por Comunidades Autónomas e estreándose coma internacional coa selección española, tamén de XCO. Os de Lois foron dous dos 80 podios de corredores galegos entre campionatos e xerais de copas de España durante o 2023 que serán recoñecidos en Ribadumia.