Ribadumia conta reunir a 2.000 persoas na súa mini BTT

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

A proba, para nenos de 4 a 14 anos, está programada para a mañá deste domingo

15 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O campo de Leiro será este domingo escenario da sexta edición da Mini BTT Concello de Ribadumia. Unha proba organizada polo Club Ciclista Ribadumia en colaboración coa Administración local para nenos de entre 4 e 14 anos, incluída no calendario do Circuíto Galego de Mini BTT.

Durante a presentación da cita deportiva, onte o presidente do club organizador, Javier Pombo, informou da participación duns 400 rapaces chegados de diferentes puntos de Galicia e da localidade leonesa de Bembibre. Os ciclistas competirán divididos en cinco categorías: benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil, cada unha, con variacións no número e no grao de dificultade dos atrancos que atoparán en cadansúa carreiras, sucedidas sobre o campo de Leiro, outrora dedicado ao fútbol e hoxe unha das maiores canteiras de promesas do deporte da bicicleta no Salnés. A primeira das cinco carreiras comezará ás dez da mañá do domingo, con previsión de remate da mini BTT arredor das dúas da tarde.

Poden correr os non federados

Na procura do fomento do ciclismo entre os máis novos, o C.C. Ribadumia informa de que a proba está aberta tamén a rapaces non federados. Os interesados entre eles deben, iso si, contacto co club, ben a través do seu correo electrónico, clubciclistaribadumia@gmail.com ou chamando ao teléfono 605 060 221.