
Os interesados en participar deberán inscribirse previamente. Haberá xogos, inchables, música e merenda
06 may 2025 . Actualizado a las 11:51 h.O 11 de maio pola tarde celebrarase a XV Edición da Feira da Familia en Ribadumia, «un evento pensado especialmente para todas as familias do noso concello, que promete ser unha xornada chea de risas, xogos e moita diversión», segundo informa o goberno local. Será na Praza do Concello onde haberá inchables, xogos tradicionais e postos informativos para aprender un pouco máis sobre servizos e actividades que se dispensan en Ribadumia. Actuará Patty Diphusa e haberá merenda e flocos de millo gratis. Para participar é necesario inscribirse antes do 8 de maio a través do teléfono 986 718 491 ou achegarse á oficina do educador familiar en horario de mañá.
A festa será por duplicado porque ese domingo celebrarase, tamén, a Romaría da Música que chega á súa quinta edición. A Banda de Música Municipal e o Concello organizaron un programa que arrinca ás 12 horas na Carballeira coa actuación dos anfitrións ademais de Os Firrás que chegarán do Grove cos seus cantos de taberna, a Banda Unión Musical de Allariz e a agrupación folclórica Xironsa de Cambados. Tamén actuarán o dúo La Mecánica e haberá sesión DJ Júnior. Entre peza e peza, o público poderá comer callos, polbo, empanada e «choripán». Haberá tamén inchables e xogos populares pensados para os cativos.