Un investimento de 1 millón de euros permitirá ampliar as instalaciones deportivas de Ribadumia
RIBADUMIA

O proxecto levarase a cabo no campo de fútbol e no pavillón polideportivo, así como no espazo anexo. A Deputación tamén anuncia obras en camiños de Meis
28 may 2025 . Actualizado a las 13:00 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde de Ribadumia, David Castro, para o financiamento do plan de reforma das instalacións deportivas. O proxecto prevé a construción de novos accesos, aseos e dotacións para o campo de fútbol e o pavillón polideportivo, mediante unha edificación que complemente e potencie a humanización do espazo público delimitado polo CEIP Becerra Malvar, o pavillón polideportivo e o campo de fútbol da Bouza de Barrantes. A intervención conta cun orzamento de 1 millón de euros, incluído no Plan Extra da institución provincial.
Luis López salientou a importancia desta actuación, que permitirá resolver as carencias actuais duns equipamentos utilizados decote polos alumnos do colexio, tanto para actividades escolares e deportivas como de lecer.
Pola súa banda, o deputado provincial Javier Tourís segue de visita polos municipios do Salnés. Hoxe estivo en Meis para anunciar que a Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 72.000 euros para a mellora de camiños con recursos procedentes do Plan +Provincia: A Bandeira-San Martiño, Cavada-San Lourenzo de Nogueira, Pompeán-Paradela e Valvoa-A Armenteira.