
A proba disputaráse o domingo pola mañá, e está aberta a ciclistas ata idade infantil, tanto federados como non federados
28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Centos de rapaces encharán este domingo o antigo campo de fútbol de Leiro. A razón, a sétima edición da Mini-BTT organizada polo Club Ciclista Ribadumia. O seu presidente, Javier Pombo, calcula entre 400 e 450 o número de participantes na proba, na liña do ano anterior, sen descartar un novo salto cuantitativo nunha carreira que contará coas cinco categorías situadas a pé da base da pirámide de formación do ciclismo de montaña: benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil.
Acompañado do alcalde, David Castro, do vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Fernando Sánchez, e de representantes da Deputación e mais da Xunta, Pombo informou onte na presentación da Mini-BTT Concello de Ribadumia do inicio da sesión de adestramentos ás nove da mañá do domingo, para, unha hora despois, comezar coa primeira saída, a dos benxamíns. Os rapaces de todas as categorías darán dúas voltas aos trazados deseñados no campo de adestramentos do C.C. Ribadumia, agás os infantís, que percorrerán tres, con voltas de 600 metros para os benxamíns, para os promesas e para os principiantes, e de dous quilómetros para os alevíns e infantís.
A proba do domingo está aberta non só a ciclistas federados. Os interesados que non o sexan poden participar sacando unha licenza dun día. Para tirar desta última opción, poden informarse chamando ao número de teléfono do Club Ciclista Ribadumia: 605 060 221.