Adro Vello abrígase do Sur e da Travesía cun outeiro de pedras cabaleiras. Chámase Sineiro, topónimo que non é de interpretación doada porque pode vincularse cun lugar para dar sinais, co oficio de campaneiro ou cunha verba prerromana. Os nenos de San Vicente da miña xeración e de outras buscamos restos do campanario de Adro Vello entre aqueles penedos, sen éxito. Contábannos que estaría nese outeiro por ser imposible que os veciños escoitasen por riba do fragor do mar, ningunha campá que tanxese no vello templo. Cacheamos en van. Matinamos que podería estar nunha edificación sita inmediatamente detrás do montículo: a Casa do Sineiro; recorrémola furtivamente e nin rastro.
Ese predio fora adquirido, nalgunha das desamortizacións de bens da igrexa, por Francisco Otero Moraña (1836-1907), burgués grovense, trinta e cinco anos alcalde, casado con Francisca Goday Deira e pertencente a unha saga dominadora no Grove ata a metade do XX, gran beneficiaria desas desamortizacións. O edificio foi unha quimera de Otero Moraña. El rexentaba unha salga en Meloxo e déuselle por construír outro establecemento detrás do Sineiro: un lugar escarpado, distinto do solar das demais fábricas construídas a rente do mar. Ao preguntarlle como ía subir alí a sardiña, dicía que gabearía con carros de mulas. Fracasou. Pois iso: naquela fantasía non se alzaba o campanario, estrutura que empezou a aparecer nas igrexas, ou a carón delas, desde o século VIII. Como irei contando aos poucos, co historiador Juan Francisco Vidal demos cos feitos que localizaron a lenda do Meco no Grove e o testemuño dun dos lances aclarou onde estaba, aínda está, o campanario exento de Adro Vello. Por fin. Érguese, transformado en pombal de planta cadrada, na Horta do Cura construído enriba dun con. O repenique das campás chegaba a toda a parroquia desde alí. Sempre estivo á vista. Se vostede, lector, é afeccionado á arquitectura relixiosa, coñecerá en Valga as fermosas Santa María de Xanza ou Santa Cristina de Campaña. As dúas teñen campanario exento, en torres exactas a esta de San Vicente, como as tan nomeadas de Cálogo ou Bamio. A segunda igrexa de Adro Vello, debía ser estruturalmente idéntica a estas de Valga, da mesma época, pode que con Xelmírez polo medio, de acordo coa datación por radiocarbono. Entre esa igrexa de Adro Vello e a de Santa María de Xanza hai outro vínculo extraordinario: o Meco.
A pegada do Meco
Como xa adiantei o domingo pasado, María Gago Rodríguez mandou construír unha capela en Adro Vello na que instituíu misas para sempre xamais, pagadoiras con foros futuros que, claro, deixaron de ser perpetuas para sempre xamais coa morte do sistema foral. Unha descendente dela casou cun fidalgo e no 1703 acordou tamén fundar unha capela con advocación a San Xosé en Santa María de Xanza, como contou Antón Fraguas. Eran os foreiros de San Vicente e o home morreu das secuelas da tunda que lle deron os veciños sublevados e está soterrado nesa capela. Contareino. Mentres tanto: descuberto o campanario de Adro Vello, do que é parte desprezarase como a el?.