De Palestina a Valga para poder chegar a clarinetista profesional

p.p. vázquez VALGA / LA VOZ

VALGA

CEDIDA

A moza de 18 anos cambiou Ramala polo Centro Superior de Música de Galicia cunha bolsa da Fundación Barenboim-Said

11 nov 2022 . Actualizado a las 16:42 h.

Cando un vive na capital do seu país e vai ben servido de talento, as oportunidades de poder estudar aquilo para o que semella estar destinado soen resultar moito maiores que para os compatriotas que residen noutras xeografías periféricas. Pero se a capital da que falamos é Ramala, o soño dunha rapaza de 18 anos como Aimee Rabah pasa polo mesmo ollo da agulla cos do resto de milleiros de talentos palestinos oprimidos por unha ocupación israelí que tantos igualan ao felizmente finiquitado apartheid surafricano. Marchar lonxe do seu lar é a única saída para que Aimee dispoña dos medios e, si, tamén, da paz necesarias para poder cursar a especialidade de clarinete, na que aspira a canalizar a súa paixón e a súa habilidade, facendo da música a súa forma de vida. Concretamente, no Centro Superior de Música de Galicia (CSM) de Valga, no que comeza a aclimatarse da man do seu mestre titular de clarinete, Simón Ibáñez. Unha historia con case unha década de raíces, posibilitada por unha bolsa de estudos da Fundación Barenboim-Said, que cubrirá os catro anos de estudos superiores de música da moza.

Ibáñez e Rabah coñecéronse en Ramala, a capital da Autoridade Nacional Palestina, cando ela era inda unha nena de 9 anos. O mestre do conservatorio valgués conta que a idea de traer a Aimee aquí: «Xurdiu da Fundación, co obxectivo de que puidera continuar os seus estudos superiores».

«Estou moi contenta de estar aquí», dicía onte Aimee, para quen a súa estadía en Valga se presenta como: «Unha grande oportunidade para continuar coa miña carreira musical». Unha circunstancia á que suma o encanto que atopou na que será a súa terra adoptiva a lo menos os catro vindeiros anos: «Valga é un lugar moi fermoso no que a natureza e as paisaxes son incribles e a xente moi acolledora», sinala a aspirante a futura clarinetista profesional. O enésimo exemplo do éxodo forzoso ao que a ocupación israelí de Cisxordania e de Gaza leva a esa pequena parte da mocidade palestina que consegue unha oportunidade de futuro grazas aos parches da solidariedade internacional.

Neste caso, da Fundación Barenboim-Said, con sede en Andalucía, que amosa o mellor dos dous pobos en conflito, co nome do director de orquestra arxentino-israelí Daniel Barenboim e do intelectual palestino Edward Said. Dous adalides do entendemento entre ambas partes, coa música como ferramenta de paz, creando a Orquestra West-Eastern palestino-israelí que lles valeu o Premio Príncipe de Asturias da Concordia no 2002.