Valga presume do tirón turístico de Mina Mercedes e das fervenzas de Parafita

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MONICA IRAGO

03 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A ponte de maio serviu para poñer de manifesto o tirón turístico dalgúns dos recursos turísticos de Valga. Así o di o goberno dunha localidade, que, sinalou, foi «punto de destino de familias e grupos que aproveitaron a fin de semana e a xornada festiva para facer plans, moitos de forma organizada a través de axencias de viaxes». Foi o caso de dúas excursións que entre o sábado e o luns fixeron parada en Valga para gozar dalgúns dos principais recursos turísticos. Os espazos e entornos naturais son un dos grandes reclamos cos que conta o municipio, espertando un grande interese entre os viaxeiros.

Poñen como exemplo o medio cento de membros da asociación San Miguel de Oia (Vigo), que a pasada semana se puxeron en contacto co Concello solicitando información sobre lugares de interese natural que puideran visitar. O sábado desprazáronse a Valga facendo primeiro unha parada na Mina Mercedes e logo puxeron rumbo ao Auditorio, onde almorzaron. A súa estadía en Valga completouse cunha visita ás fervenzas e aos muíños de Parafita e Raxoi. Esta paraxe atrae durante todo o ano a numerosos visitantes, tal é así que o luns recibiu a outro grupo de 47 persoas procedentes das zonas de Ferrol, A Coruña e Santiago que, organizados a través dunha axencia, elixiron Valga como un dos lugares nos que facer parada no seu camiño cara a Festa dos Maios de Marín.