Álex Iglesias: «A anguía non só se come frita con patacas e pementos»

M. S. S., B. C.

VALGA

O cociñeiro de Lalín foi o creador das catro primeiras receitas do Agosto Gastronómico 

07 ago 2024 . Actualizado a las 22:22 h.

Trinta persoas puideron degustar este martes á noite  unha nova interpretación da anguía no Centro de Interpretación da Caña de Valga. Álex Iglesias, procedente de Lalín, conduciu o showcooking Destapa Anguía na cuarta edición do Agosto Gastronómico, para demostrar que, como el explica «a anguía non só se come frita con patacas e pementos».

As receitas consistiron nunha ensalada de escabeche branco de anguía con froitos secos salteados; unha tosta de aguacate e anguía aliñada con mostaza e un toque picante; unha mestura de sabores a base de morcilla, tomate e anguía. O último prato degustado foi unha fabada que mesturaba anguía, touciño crocante e caldo de cocido. De esta forma as elaboracións mesturaban non só o produto protagonista do municipio, se non tamén outros pratos tradicionais de toda Galicia, co que se pretende ensinarlle as novas xeracións unha comida que xa non se consume tanto como antes, segundo destacan desde a organización.

As demostracións de cociña continúan ao longo de todo o mes; a seguinte sesión de Álex Iglesias, no martes 13, estará protagonizada pola augardente e as prazas xa está esgotadas. De todas maneiras, os curiosos poden aínda anotarse á demostración de Universo Anguía, o 20 de agosto, e Moito máis que caña, o 27 de mesmo mes. A actividade é gratuíta, pero solidaria, polo que se debe levar un quilo de alimentos non perecedoiros, que se doarán ao departamento municipal de Servizos Sociais.