Vintecinco anos do IES de Valga, o instituto que non quere ficar quieto

R. E. VALGA / LA VOZ

VALGA

Martina Miser

Xa ten un cuarto de século, pero o centro segue a ser un «ecosistema ben vivo» no que se busca formar persoas con capacidade crítica e valores sólidos

25 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O vento, que xa pola mañá sopraba con forza en Valga, incomodaba de cando en vez a quen enchía a cancha cuberta do instituto. Alí, loitando contra os elementos, un grupo de rapazada mantiña os seus instrumentos preparados para interpretar algunhas pezas de música. O resto do estudantado, dende as gradas, ovacionaba cada unha das súas intervencións co mesmo espírito adolescente co que recollían as palabras das persoas convidadas a falar no acto oficial do 25 aniversario do centro no que se están a formar.

Foi o alcalde de Valga o encargado do primeiro discurso, recordando como o 25 de xaneiro de 2000 se oficiaba, case no mesmo lugar, a inauguración dun centro daquela novo do trinque: levaba apenas uns meses en activo. A súa posta en marcha fora froito de longas negociacións coa Xunta, que se iniciaran anos atrás durante unha visita de Manuel Fraga á localidade. Ter un instituto parecía un soño, pero converteuse nunha realidade, permitindo que a rapazada de Valga non teña que deixar a súa vila para estudar o Bacharalato, ou a FP. Ou mesmo, agora, música nun centro superior, dixo Bello Maneiro.

Pero neste instituto non só estuda alumnado valgués. No acto celebrado onte estaba presente, tamén, a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e o tenente de alcalde de Catoira, Raúl Gómez —bo coñecedor do centro, é mestre—. O instituto naceu coa vocación de dar servizo a toda a área do Baixo Ulla, e así o está a facer, segundo sinalou o seu director. Eliseu Mera foi moi claro na súa intervención: ninguén, nunca, debe dar por feitos os dereitos dos que goza. Puxo como exemplo a igualdade entre homes e mulleres, obrigando ao público a mirar cara Afganistán ou Irán, onde a metade da poboación ten visto como todos os seus dereitos cidadáns foron borrados. «Ou imos para adiante, ou imos para atrás. Porque se quedamos quietos, retrocedemos», dixo, e por iso invitou a todas as persoas presentes a loitar para seguir avanzando. «Este instituto era inimaxinable para xeracións anteriores», subliñou diante do alumnado. «Tentemos que as próximas teñan aínda máis oportunidades das que tendes vós», concluíu.

A rapazada que onte escoitaba goza da posibilidade de se formar nun centro «que é un ecosistema moi vivo», segundo a descrición de Juan Carlos Montejano, un docente que leva en Valga dende a apertura do instituto. Unha testemuña privilexiada de como a biblioteca comezou sendo un enorme espazo baleiro que se foi enchendo pouco a pouco cos 15.000 libros cos que conta hoxe. De como as aulas de informática se teñen multiplicado por tres. De como «a zona de ciclos se agrandou e a cafetería se achicou». Falou, tamén, do que é o maior tesouro do centro: a xente. Docentes implicados, persoal non docente capaz de facer milagres...

E o alumnado, claro. Por toda esa xente que xa ten pasado polas aulas de Valga falou Sara Seco, una muller que atopou no centro ao que onte volveu un terreo fértil no que desenvolver as súas inquedanzas e os seus talentos. Quizais no momento, dixo, non fose consciente do afortunada que era por formar parte dunha comunidade educativa dinámica, incapaz de ficar quieta, comprometida co progreso e co pensamento crítico. Xa vos daredes conta vós da sorte que tendes, díxolle á rapazada que escoitaba.

Despois do acto oficial, o foco de atención trasladouse á porta principal do recinto, ao carón da que foi plantado un exemplar de gynkgo, unha árbore que simboliza a sabedoría e a resiliencia. Nos actos estivo presente o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

Despios dos discursos e a música, xantar de confraternidade. E pola tarde, co temporal xa ouveando por toda a contorna, celebrouse o acendido do alumeado especial que durante todo o ano iluminará Valga cando chegue a noitiña. No acto estivo presente o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares. Rodríguez aproveitou a ocasión para agradecer á comunidade educativa ese cuarto de século que leva sendo un motor de futuro, implicado na realidade social e económica da contorna e promovendo melloras constantemente.

A iluminación, realizada polo alumnado do ciclo de Instalación e Mantemento, quedou prendida por fin, rompendo coa súa luz o avance da escuridade.