Barreira vexetal para minimizar os cheiros da depuradora de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

CONCELLO VALGA

Os participantes no Obradoiro de Emprego están a desenvolver o proxecto

12 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os integrantes do módulo de traballos forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, no que participan persoas desempregadas dos concellos de Valga, Moraña e Portas, están a realizar unha plantación na zona das Cernadas, xunto á estación depuradora de augas residuais do municipio valgués. Segundo informan dende este, os aprendices están a traballar baixo as directrices do experto docente da especialidade, José Manuel Picallo, co obxectivo de crear unha pantalla visual, que mellore esteticamente o lugar, e tamén actúe como unha barreira contra os cheiros. A especie que se vai plantar, explican dende o consistorio, é a tuia e, como traballos previos, os aprendices realizaron o replanteo do terreo e o marcado e a apertura dos buracos. Posteriormente introducirán as plantas e aboaranas e, no caso de ser preciso, colocarán titores para que medren rectas e para que o vento non as tire mentres non arraiguen. Para estas tarefas aportarán terra vexetal nas zonas nas que o chan é máis inorgánico, «para propiciar un hábitat axeitado e que as árbores prosperen e non sequen», explica o docente.

Ademais desta actuación, os alumnos realizaron nas últimas semanas roces e limpezas e iniciarán tamén as podas.