
O investimento ascendeu a 280.000 euros que se financian nun 80 % con fondos europeos
23 feb 2025 . Actualizado a las 14:24 h.Augas de Galicia concluíu recentemente as actuacións para reducir o risco de desbordamento do río Valga pola súa marxe dereita, nas inmediacións do parque Irmáns Dios Mosquera, en Valga. Os traballos tiveron un investimento de 280.000 euros cofinanciados través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Na zona obxecto de actuación hai vivendas que se atopan a unha cota igual ou inferior á da canle fluvial e moi próximas ao noiro da estrada N-550, que actuaba como barreira e producía asolagamentos frecuentes.
Esta obra permitiu actuar no muro de contención da marxe dereita do río, ampliando ademais a canle fluvial e dotándoo de maior altura. Ao mesmo tempo adoptáronse medidas para mellorar a seguridade da zona, que é de uso lúdico e peonil, mediante a colocación dunha varanda de madeira na canle da marxe esquerda así como unha pasarela por enriba do río para facilitar o acceso ao baño minimizando os posibles riscos de caída. A obra tamén levou aparellado o acondicionamento da canle dun rego afluente que se atopa na zona e a renovación da pasarela peonil de madeira que o cruza.