Unha empanada de millo de trinta e dous metros na tradicional festa de Cordeiro

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Cedida

O teleclub da parroquia de Valga foi o epicentro dunha xornada que reuniu a ducias de persoas

10 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Cordeiro, no concello de Valga, viviu este domingo unha nova edición —e xa van vinte e nove— da súa xa consolidada Festa da Empanada de Millo. O teleclub local foi, un ano máis, o epicentro dunha xornada gastronómica que conseguiu reunir a ducias de persoas arredor de trinta e dous metros de empanada artesanal, elaborada con mimo pola asociación veciñal, cultural e deportiva da zona.

O protagonismo foi para os sabores tradicionais, como o lombo de porco con queixo, as sardiñas ou a zorza, pero tamén houbo espazo para innovacións que conquistaron os padais máis curiosos. A empanada de choco, novidade deste ano, tivo unha acollida especialmente entusiasta, así como outras opcións doces, como a de cebola con azucre. Non faltaron os recheos mariñeiros, entre os que destacaron os de zamburiñas, mexillóns e bacallau. A boa climatoloxía animou a moitos asistentes a gozar da festa ao aire libre, acompañados da música tradicional de gaitas e acordeóns. Outros preferiron levar a súa porción para saboreala na casa, mantendo así o espírito comunitario que define esta tradicional cita valguesa.