Quinkillada chega á Festa da Anguía e Caña do País da man de +Música

g.b. bandín / p.p. VALGA / LA VOZ

VALGA

SENDA PICALLO

A actuación do grupo galego será este venres, no Parque Irmáns Dios Mosquera

27 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País segue cunha programación cultural por todo o alto. Como xa é costume, as actuacións musicais acompañan a celebración máis esperada do Concello de Valga. Nesta oportunidade tamén súmase o programa da Deputación de Pontevedra que, grazas a unha nova edición de +Música, desembarca en Valga. A cita con Quinkillada será o venres 29 de agosto ás 21.30 no Parque Irmáns Dios Mosquera.

A banda integrada por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G, Daniel Acuña e Valverde mestura ritmos latinos con sons modernos. Xurdiu como resposta artística á pandemia e no 2022 lanzou o seu primeiro traballo: Gozar, sentir, bailar. Os escollidos para poñer ritmo e melodía á festa contan cunha diversidade temática nas súas letras, incorporando o galego na maioría das súas cancións.

Será unha das 78 actuacións do programa provincial que ten como bandeira difundir e fomentar a lingua e cultura galegas. Con estas iniciativas, a Deputación de Pontevedra brinda o seu apoio aos eventos dos concellos de menos de 50.000 habitantes e impulsa espectáculos apostando pola descentralización.