Hoxe inaugúrase na Praza Manuel Vicente Cousiño (Valga) a exposición «A Casa de Galicia. Cincuenta anos da Casa de Rosalía» na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas, entre elas o valgués Xesús Ferro Couselo, que foi membro da primeira Xunta de Goberno do Padroado Rosalía de Castro.
Ás sete da tarde terá lugar un acto de inauguración, proseguido dunha visita guiada, no que estarán presentes o presidente da asociación Os Penoucos, Miguel Lois, organizadora da exposición, e o escritor Manuel Lorenzo Baleirón. A mostra, que se pode visitar alí ata o 30 de setembro, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo.