Presenta hoxe en directo o seu último disco no salón García de Vilagarcía
07 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xa hai tempo que deixou de ser a exvocalista de Berrogüetto. A carreira en solitario de Guadi Galego conta xa cunha incontestable entidade propia. Que agora se acrecenta con Lúas de outubro e agosto, o seu novo disco, no que coquetea máis abertamente co pop. Esta noite preséntao en directo en Vilagarcía.
-¿Cómo se enfronta ao inicio desta nova xira?
-Expectante pero coa mesma ilusión que hai moitos anos. É unha etapa distinta. Despois de Berrogüetto paseime a formatos pequenos, e agora vou cunha cousiña media e cun son diferente. Non deixa de ser un experimento.
-¿Cómo van ser estes concertos?
-Basicamente tocaremos os temas deste novo disco e algunha versión de outros temas de outros discos e doutros proxectos meus, como Espiudo. E algún inédito tamén.
-Faime graza que fala de «versións» dos seus propios temas...
-Si, é que soarán bastante distintos a como se gravaron.
-¿Tamén os de «Lúas de outubro e agosto»?
-Si, dalgún xeito tamén. No disco hai moitísimos arranxos, electrónica, ventos, guitarras... En directo somos a banda base. Será a propia canción a que teña que soportar o principal peso.
-En calquera caso, leva un acompañamento de luxo.
-Si, porque aparte da calidade musical destes músicos, da que van sobrados, son todos amigos. Con Guille (Fernández) e Isaac (Palacín) toquei durante moitos anos, con Paco Charlín teño moitísima confianza e de Roberto Sobrado só poido decir que na comarca do Salnés non hay músico de jazz mellor ca el.
-Definiu o estilo deste disco como «pop de autora un chisco sofisticado»...
-É que é iso. A música de autor xa no é só guitarra e voz a lo Silvio. Evidentemente o meu non é un pop de Los 40 nin desa onda indie que agora se leva. Eu creo que é moi particular. Pero, por outra parte, era unha evolución bastante lóxica en min. Xa Espido era un disco moi intimista pero cunha volta moi pop. Así que chegar aquí era o natural. Iso non significa que no próximo disco que publique non faga unha cousa totalmente distinta.
-E a raíz tradicional, ¿segue presente?
-Por suposto. Xa dende a composición. Cando mamas da música de raíz durante tantísimos anos iso ten que saír á luz.
-Este disco leva implícito un forte compromiso coa loita feminina. ¿Por que neste momento?
-Non é algo premeditado. Evidentemente si que teño un compromiso, pero para min este é o xeito natural de facer as cousas. Non pretendo facer música para mulleres pero é inevitable que a faga dende o meu punto de vista de muller. Eu non puido cantar as miñas cancións con unha óptica que non sexa a das mulleres e a dos seus problemas.
GUADI GALEGO CANTANTE
21.00 H
Las entradas se pueden adquirir en la taquilla del auditorio.