
O canoísta arousán confía en poder compaxinar a súa carreira deportiva na elite coa militar que iniciará o luns en Figueirido
04 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.«Teño 27 anos, e tamén teño que mirar pola miña vida». Diego Romero explica por que un canoísta que quedou a un palmo xusto de cruzar a porta de entrada aos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro ingresará o vindeiro luns no cuartel da Brilat, en Figueirido, Pontevedra, para iniciar a súa carreira militar. Unha profesión que lle proporcionará a seguridade e a estabilidade que nin a Real Federación Española de Piragüismo coa súa deficiente política de apoio aos deportistas de elite, nin a mediana e grande empresa privada lle concederon ao chamado a tentar encher o gran baleiro deixado polo pentamedallista olímpico David Cal no C-1 1.000. Con todo, Romero, padexeiro do Breogán do Grove, confía en poder compaxinar as dúas carreiras, e cumprir o seu soño de competir nuns Xogos na edición de Tokio 2020 en calidade de zapador do Exército.
«O 2018 vai ser un ano de transición. A ver que se consegue. Non sei como vou respostar este ano. Ao final da tempada decidirei se pelexo por Tokio 2020», comenta o arousán nacido en Cuntis, criado entre Catoira e Vilagarcía, e desde o 2012 afincado en Boiro.
O primeiro condicionante é a adaptación de Romero á súa nova ocupación. Unha profesión militar que comezou explorar cando, conta, no 2013 se presentaba por vez primeira ás correspondentes oposicións. «O ano que máis as preparei foi o 2015, pero caera dunha moto e partira unha man unha semana antes das probas físicas. Este ano -2017- tomeino tranquilo, pero debe de ser que da preparación dos anos anteriores algo quedou», di. O pasado mes de maio era un dos 8.000 aspirantes a unhas 2.000 prazas en superar o exame teórico. Arredor dun mes despois pasaba a peneira física. E o 26 de agosto entraba na academia de Cádiz para proceder á súa formación básica, que completou o 21 de decembro. Polo camiño, «son soldado desde o 26 de outubro, cando xurei bandeira, en Cádiz», aclara. Agora, e tras conseguir unha nota que lle permitíu escoller o corpo de zapadores de Figueirido, para o que só se ofertaran 20 prazas, o arousán explica que «me quedan dous meses para perfeccionar a especialidade». Será a partir do vindeiro luns, tras rematar o permiso do que goza desde o 22 de decembro.
A súa praza no Exército compensou o bienio negro arrastrado por Diego Romero nas pistas. No 2016, por ese duro golpe de verse a un posto da clasificación para os Xogos de Río no Preolímpico Europeo, e descubrindo despois como «o moldavo Tarnovsky, bronce na final do C-1 1.000, foi descualificado por dopaxe en Río; se o tiveran cazado antes a praza tería sido para min», láiase o galego. Un golpe ao que lle seguiría no 2017 unha rotura de fibras a unha semana do selectivo para o C-1 1.000 español no Campionato de Europa, que gañou o poiense Adrián Sieiro. Máis tarde «cheguei a gañar de novo o Campionato de España, quince días antes do selectivo para o Mundial, pero aquí non cheguei en perfectas condicións», admite, sendo superado de novo por Sieiro.
Comezando a pretempada
De volta ao presente, a formación de Romero en Cádiz retrasou ata este Nadal, de volta a Galicia, o inicio da súa pretempada con tres meses de retraso. De volta ás instalacións do C.G.T.D., moi preto do seu destino militar, nas que se pulíu e seguíu traballando desde a súa época de promesa da canoa española, na que foi o gran dominador no ciclo olímpico de Río. «Non sei como vou respostar este ano». En todo caso, a súa preocupación, e o seu medidor, non serán tanto os resultados, como a disponibilidade para adestrarse e para competir que lle deixe o seu traballo. O horario, de 8 a 3 da tarde, anima a ser optimista de cara ao asalto a uns Xogos que, afirma Romero, se dirime nos dous últimos anos do ciclo.
O maratón coma segunda opción
«O maratón pódeseme dar ben. Vou tentar alternar a pista e maratón», adianta Romero, quen xa ten amosado na súa carreira deportiva capacidade para facelo, subcampión do mundo do C-2 na modalidade de fondo. «Este ano non terei bolsa da Federación, que me podía sancionar por dobrar, polo que terei máis liberdade», comenta.