O Vilagarcía Cocinas Bulthaup opta a pechar a primeira volta en posto europeo

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Recibirá mañá o L?Escala, equipo que o precede na clasificación

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Undécimo partido na Superdivisión na historia do Vilagarcía Cocinas Bulthaup, herdeiro da sección de tenis de mesa do Liceo Casino. Un encontro que mañá pola mañá, a partir das once, medirá o primeiro cadro arousán na máxima categoría co C.E.R. L’Escala no pavillón da rúa Castelao no peche da primeira volta da Liga. E lonxe de sufrir os rigores propios dun conxunto recén ascendido, o equipo que dirixe Antonio Castro atópase en disposición de recuperar a súa praza na zona de acceso a competición europea a vindeira tempada, que xa ocupara durante varias semanas, e na que con moita probabilidade seguiría estando de ter emitido o Comité de Competición da Superdivisión o fallo co que debe dirimir o enfrontamento previsto o pasado 17 de decembro co San Sebastián de los Reyes. Un choque este que o árbitro mandou non xogar ao presentarse o equipo madrileño con tan só dous xogadores, cando a normativa esixe un mínimo de tres en convocatoria.

O choque de mañá co L’Escala preséntase do máis aberto. Non en van, o cadro catalán chega só 2 puntos por enriba do Vilagarcía Cocinas Bulthaup, e cun partido máis disputado polo resultado pendente xa mencionado. Ten, de feito, os mesmos 10 puntos có San Sebastián de los Reyes, gañando tantos encontros como perdeu, catro, e asinando dous empates.

Antonio Castro comentaba onte que o seu equipo agarda o choque co C.E.R. L’Escala coa incógnita de saber con que plantel viaxará este. Desde o Vilagarcía Cocinas Bulthaup prevén a participación do luso Pinho e do Sub-23 Joan Masip, coa dúbida principal de se será outro Sub-23 español, Carlos Vedriel, ou o sueco Alenxader Hakan Mart, o que complete o trío catalán. O belga Jean Lauric, Sergei Nigeruk e Ramón Mampel, este último ex xogador do L’Escala, formarán polo bando arousán.

Contar en positivo, reto do Cambados TM

O Cambados T.M. pechará tamén mañá na casa a primeira volta da súa Liga, a da División de Honra. No Pavillón de San Tomé, desde as dez e media da mañá, cun Leganés terceiro na clasificación. O cadro local, cun balance de 5-5, loitará por chegar ao ecuador en positivo.