
Veloso cre que de non accidentarse «todo sería diferente». Lonxe de ver saír o seu derradeiro tren, fala xa da edición 2020
13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Gustavo César Veloso atendíanos onte entre os actos institucionais do F.C. Porto na segunda das tres xornadas de celebración que arrincaban co triunfo, na tarde do domingo, do luso João Rodrigues na xeral da Volta a Portugal. O arousán, terceiro no podio a 1.08 do gañador, volverá esta noite a casa nada máis goce xunto co seu equipo do tributo da afección do F.C. Porto no descanso do partido de Liga no Estadio do Dragão. Notablemente canso polas obrigadas celebracións, tocado inda pola caída en Bragança, falounos das dúas Voltas a Portugal que lle tocou vivir; e do futuro.
-Despois de portar o xersei amarelo durante a metade da Volta a Portugal, ¿a que lle sabe este terceiro posto no podio?
-A ver. Por un lado, sendo realista, despois dos últimos dous anos, que fallei na Volta, pois a verdade é que me sabe ben. Logo, despois de verme de amarelo, de ver como me estaba a sentir na bicicleta, antes da caída era un claro favorito á Volta. A caída marcou un antes e un despois. Sobre todo no día do Larouco. Creo que se non caera, todo sería diferente. Chegaría ao Larouco sen perder os 40 segundos que perdín con Joni -Brandão- e con João -Rodrigues-, mantería o maillot amarelo, e sería totalmente diferente. A caída mérmate. Vas arrastrando o golpe. Ao día seguinte foi o día que máis dor pasei. Non podía forzar a perna esquerda, forcei máis a dereita, e acabei coas dúas reventadas. Iso valo arrastando. É o que hai.
-Cre Gustavo que César Veloso tería sido o vencedor en Porto de non sufrir a caída en Bragança?
-Non o sei. E realmente, tampouco mo pregunto. O tempo non corre para atrás, corre para adiante. Non paga a pena pensar no que puido ser e non foi. Fixen todo o que puiden, e remato coa satisfacción de dar o cento por cento. A partir da caída, foi sufrir todos os días como un can para tentar chegar con algunha opción á crono do último día. Ao final, sexa pola caída, non sexa pola caída, a realidade é que houbo dous corredores que foron máis fortes ca min.
-As sucesivas etapas nas que lle tocou escoltar o liderado de Brandão deixaron ben claro que o Efapel estaba un chanzo por debaixo do W52-F.C. Porto. ¿Sentíuse arroupado polo seu equipo na primeira etapa tras a caída?
-Si. A ver, nós sempre fomos un bloque potente, e tiñamos varias bazas. E cando pasan cousas así sempre tes un plan A, un plan B. En ningún momento o equipo deixou de traballar para os dous -João e el-. O equipo tiña un ritmo forte para tentar deixar atrás a Joni. En ningún momento me sentín desprezado. E despois João demostrou estar máis forte na crono. Saíu ben, e iso é o que importa.
-Moitos confiamos en que, coa súa calidade como contrarreloxista, mesmo podería ter revertido os 40 segundos de desvantaxe cos que chegaba á contrarreloxio final. ¿Faltoulle saúde? ¿Faltáronlle pernas?
-Eu creo que faltou un pouquiño de cada; un pouquiño de todo. Faltou que a crono fora para especialistas. Despois, o feito de ter a caída, ter que facer ese sobresforzo para compensar esa molestia, esa inflamación; non rendes igual. O que está claro é que foi unha das Volta máis igualadas.
-Comezaba a Volta sen o concurso dos gañadores dos tres últimos anos, e compañeiros de equipo, Raúl Alarcón e Rui Vinhas. Con 39 anos, ¿sinte que esta foi a última oportunidade de sumar ese terceiro triunfo na Grandíssima?
-Non. Non. Se este ano rendín ao nivel que rendín, ¿por que non vou poder facelo o ano que vén? Tamén saquei conclusións. Co paso dos anos, tes que esforzarte máis. Preparar as cousas con máis tempo, con máis calma. Iso fixen este ano. Para o ano que vén volveremos á carga, e a ver o que pasa.
-Finalizada a gran cita do curso para o W52-F.C. Porto, ¿toca pensar xa na vindeira tempada?
-Pois de momento inda teño que ir correr a Dinamarca e a Francia. Toca seguir centrado na competición, aproveitar o bo punto de forma que teño. E despois xa se mirará cando termine a competición.