O Arousa sorteará o domingo un abono para o Atlantic Fest

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

FútbolRecorda que a entrada para o seu vindeiro partido será gratuíta. O sábado, pleno pola Medalla de Ouro ao club

29 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No seu empeño por encher as gradas do estadio da Lomba este domingo nun partido fronte ao Móstoles no que o seu primeiro equipo se xoga media permanencia, o Arousa anunciaba onte que durante o encontro sorteará un abono para o Atlantic Fest que a mediados do vindeiro mes de xullo se celebrará na praia Compostela cun cartel de auténtico luxo, no que salientan grupos como Fangoria, Andrés Calamaro, Los Planetas ou La Casa Azul.

O abono en cuestión súmase ao gancho da decisión do club arlequinado de que o encontro sexa de portas abertas; isto é, non se lle cobrará entrada a ninguén por acceder ao campo, coa intención de sumar o maior número posible de gorxas dispostas a apoiar os homes de Luisito na procura de 3 puntos vitais para a súa supervivencia na Segunda División R.F.E.F.

Nesta mesma liña, o Arousa convidou a todos os clubs e entidades deportivas de Vilagarcía a que os seus deportistas, técnicos e directivos acudan ao partido. E xa son cinco os que confirmaron a súa presenza: Vilagarcía S.D., Piragüismo Vilagarcía, C.B. Vilagarcía, Vilarousa e Club de Natación e Salvamento Vilagarcía.

Na véspera do duelo co Móstoles, o sábado ás once da mañá, a corporación local da capital arousá reunida en sesión plenaria extraordinaria oficializará a entrega da Medalla de Ouro da Cidade ao Arousa polos seus 75 anos de historia, cumpridos a finais de decembro do 2020. Ao acto acudirán o actual presidente do club, Manolo Abalo, os seus predecesores, representantes dos patrocinadores principais do club e da Real Federación Galega de Fútbol, o socio número un do Arousa e un representante das súas peñas. Con todo, o acto propiamente dito da entrega ao Arousa da Medalla de Ouro da Cidade de Vilagarcía faráse o domingo, no prólogo do partido de Liga da Segunda R.F.E.F.