O primeiro Enduro de Vilagarcía reunirá a máis dun cento de pilotos de alto nivel

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

A proba disputaráse o domingo, en xornada de mañá e de tarde

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilagarcía de Arousa verá este domingo en acción a algúns dos mellores especialistas de España na primeira edición do Enduro de Vilagarcía. De once e media da mañá a cinco e media da tarde, baixo a organización do motoclub local SQeM e da Liga Galega de Motos de Campo, a cita servirá como segunda e última proba puntuable para o Campionato Galego e como sexta e derradeira da Liga.

A día de onte eran 130 os inscritos nas trece categorías en lid. Todos eles, con tres voltas aos dous treitos cronometrados, agás a categoría superior, cunha máis. Con saída no Centro Cultural O Souto de Rubiáns, o primeiro treito continúa por Loenzo, o antigo vertedoiro e por terras da Comunidade de Montes de Cea. O segundo treito cronometrado avanzará polo antigo campo de golf do Pazo de Rubiáns, baixando máis polos seus viñedos.

O presidente do motoclub SQeM, Alberto Miguéns, explicou que as chuvias das últimas semanas fará que a proba sexa inda máis vistosa para o público, que disporá de aparcadoiros sinalizados no percorrido para poder gozar do espectáculo deportivo.

Polo club local, Carlos Miguéns, fillo do seu presidente, parte entre os favoritos ao título na categoría de Enduro 1. Na Pro, os once inscritos suman unha participación de alto nivel, cun subcampión do mundo como Jorge Paradelo e un campión de España como Pedro González entre os favoritos.