A Marcha Cicloturista Arousá chega esta mañá á súa vixésimo sexta edición. Baixo a organización do Club Ciclista Xiabre, a cita ofrécelles aos amantes da bicicleta unha ruta neutralizada de 100 quilómetros cunhas vistas excepcionais pola comarca, incluídas as imaxes insulares de Cortegada e A Illa de Arousa. E co plus dun treito libre de 8 quilómetros que inclúe a subida dende Abalo (Catoira) ao alto da Meda, no monte Xiabre.
A organización dedícalle a edición deste ano ao estradense Álex Marque, que o pasado 31 de decembro poñía fin a unha frutífera e longa carreira profesional. Marque e Iván Raña, triatleta galego cun gran e brillante palmarés internacional, serán as figuras dun pelotón con 112 cicloturistas confirmados, aos que poderá sumarse na saída calquera outro maior de 15 anos ou que cumpra os 16 neste 2023 e dispoña de licenza federativa.
A marcha arrincará ás 9.30 horas do pavillón do colexio de Carril, coa chegada ao mesmo punto prevista a iso das 13.50 horas. Nada máis rematar o percorrido por terras arousás, o Club Ciclista Xiabre farálle a súa homenaxe a Álex Marque, coa asistencia do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presente tras percorrer tamén como un cicloturista máis a marcha.