Ravella recorda que o cuarto xulgado foi solicitado polo Concello en 2010
VILAGARCÍA DE AROUSA
«Solicitar á Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que propoña ó Ministerio de Xustiza a creación dun cuarto Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en Vilagarcía de Arousa coa dotación de medios materiais e persoais precisos». Así rezaba o punto número 2 do acordo institucional aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos, incluído o PP, na sesión do 29 de abril de 2010.
Trece anos despois, recordaba onte o goberno local que encabeza Alberto Varela, «o Partido Popular, o mesmo que dirixiu o Concello entre 2011 e 2015, coincidindo co PP no goberno da Xunta e no Estado, anuncia a presentación dunha moción na procura dun cuarto xulgado na cidade, ocasión que, por suposto, non deixa pasar para criticar ao goberno local e ao central, que sempre teñen a culpa de algo ou de todo, malia que as competencias sobre a construción e dotación de xulgados corresponden á Xunta».
Para o goberno local, «os populares volven facer un exercicio de populismo e funambulismo, sen darse conta de que, desta vez, estanlle a facer un fraco favor ao candidato Rueda, que durante anos foi vicepresidente da Xunta con responsabilidades, precisamente, sobre a Xustiza». Dende Ravella aseguran que «o goberno de Vilagarcía colaborará, como sempre o fai, con outras administracións para buscar unha solución a calquera mellora que a cidadanía precise, pero iso non é óbice para lembrar que cada administración ten as súas propias competencias. Quen programa as novas dotacións de xulgados non é o concello, senón a Xunta».