As barras exteriores da Auga poderán funcionar desde as dez da noite e as cinco e media da tarde
VILAGARCÍA DE AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/yOY_krm4mTb4k3cO7bbcXCqetls=/480x/2024/08/02/00121722616622665158631/Foto/A16G3046.jpg)
Os hostaleiros poderán presentar as súas solicitudes ata as 9 horas do luns, 12 de agosto
03 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía vén de fixar o prazo para tramitar a instalación de barras exteriores para a venta de bebidas durante a mdrugada previa e o día da Festa da Auga. Os locais de hostalaría interesados deberán presentar as súas solicitudes entre o 5 de agosto e as 9 horas da mañá do 12, mediante o modelo de instancia xeral e a través da sede electrónica ou do Rexistro Xeral do Concello. Para conseguir a autorización municipal deberán cumprir os requisitos que se indican na resolución que poden consultar no tabloeiro de anuncios da mesma sede. A lista coas barras que obteñen o permiso publicarase neste mesmo espazo.
Entre as obrigas que deberán cumprir os hostaleiros, atópanse contar cun seguro de responsabilidade civil que cubra calquera incidencia derivada da actividade da barra, así como ter as dimensións que se especifican na resolución e emprazalas de xeito que non impidan o paso dos peóns pola vía pública nin o uso do mobiliario urbano.
No caso de que non se permita o acceso público aos aseos dos respectivos locais, os responsables dos mesmos deberán instalar baños químicos na rúa, indicando na súa solicitude o emprazamento proposto.
A montaxe das barras exteriores terá que realizarse obrigatoriamente a partir das 22 horas do 15 de agosto, e a retirada deberá comezar antes das 17.30 horas do día 16, de xeito que as vías estean totalmente despexadas ás 18 horas para que poidan actuar os servizos de limpeza.
Ademais, todas as barras deberán obedecer ao disposto na Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, e cumprir co especificado na Ordenanza Municipal de ruídos e vibracións.