Con cita ás 21.45 hora no pazo de Lis, os asistentes contarán coa voz e coa guitarra de Rafael Dovalo cantando dous poemas da poeta
07 ago 2024 . Actualizado a las 16:38 h.A Asociación Cultural e Deportiva G.A.M. (Grupo de Amigos de Meaño) organiza un extra de verán do seu foro A Cova do Trasno. Será o próximo venres, 9 de agosto, no pazo de Lis en Meaño, ás 21.45 horas, cun evento arredor da poeta meañesa Herminia Fariña Cobián.
Nesta ocasión, trátase dun acto músico-poético, acompañado dun pequeno coloquio no que poderá participar o público. Servirá para escoitar en directo ao músico e compositor meañés Rafael Dovalo, con guitarra e voz, cantando dous poemas de Herminia Fariña, no seu día musicados por el, mais que nunca foron interpretados en directo diante do público. É por esta razón que será unha ocasión única para os asistentes, tal e como aseguran desde a organización, nun xesto emotivo tamén por parte de Rafael Dovalo (organista en orquestras como Los Salneses e Solera), que, aproveitando a súa estadía estival estes días en Meaño antes do seu regreso a Finlandia, onde está retirado, actuará no pazo de Lis. Para enmarcalo, tamén contarán coa presenza da escritora e comunicadora cuntense Baia Fernández, que repetirá presenza no municipio para poñer voz en vivo aos versos da poeta.
Cunha duración estimada de 40 minutos, os meañeses pretenden ofrecer un xesto para coa memoria colectiva do municipio.