















A festa deu conta de tres toneladas de moluscos cunha volta á orixe e un tempo perfecto, que parecía contratado pola organización
12 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cando Fernando Berride comezou a traballar o mar, sendo un meniño, o universo simbólico e marisqueiro en Carril estaba dominado aínda polas ostras. Logo chegarían os proxectos de cultivo a cachón e os parasitos que, nos anos 70, deitaron a balanza definitivamente do lado das ameixas. Así que, onde antes latexaba unha ostra, hoxe late unha ameixa. Carril ten un corazón feito de ameixa que onte, consumado xa o divorcio entre la confraría e a asociación de parquistas, volveu dalgún xeito ás súas orixes.
Sen as capas e os desfiles gastronómicos, a Festa da Ameixa, que o verán que vén cumprirá trinta edicións, capitaneada xa unicamente polo pósito, perde peso e gravidade cerimonial e gaña espontaneidade. Non faltaron, dende logo, visitantes. Pero non era raro escoitar os veciños asegurar, satisfeitos, que esta era unha celebración puramente carrilexa. A organización, dende logo, coidou ese aspecto.
O recoñecemento a Nano Berride, aos seus 93 anos, serviu o momento máis emocionante duns actos oficiais que viron recortada a súa duración. Os Mozos de Arousa pronunciaron o seu pregón. A familia que fundou a conserveira Los Peperetes, os membros de BATA e o seu traballo a prol das persoas con discapacidades, que tamén se deixa notar nas praias de Cortegada, e o programa Vivir o Mar completaron a nómina de galardoados. Cristian Silva botou unhas pezas ben botadas, cun Himno galego final tocado entre o público. E o alcalde Alberto Varela e o seu equipo regresaron á festa logo de varios anos de ausencia por diferenzas que abriran fendas irreparables coa anterior organización.

O tempo acompañou, dando un respiro entre tanta calor, a venda anticipada de tiques foi un acerto. O primeiro concurso de fotografía da Ameixa premiou a Gorka Gómez (cunha imaxe, Vou de camiño, na que retratou a Nieves Silva), Raimon Moreno e Iñaki Abella, e o patrón maior, Javier Quintáns, era un home contento. Foi Varela, o rexedor, quen o dixo: «Carril ten corazón de ameixa». Tres toneladas de xapónica (este ano hai cero babosa) demostrárono ben demostrado.
Os recoñecementos

- Fernando Berride Teijeiro. Mariscador de 93 anos, traballou o mar dende meniño i é a memoria dun mar e dun oficio

- Los Peperetes. A familia fundadora da conserveira, con María Antonia Paz no centro, por levar a calidade e o nome de Carril polo mundo

- BATA. Fundada en 1999 para axudar as persoas con discapacidades. Traballan polo medio ambiente, tamén en Cortegada

- Vivir o mar. O programa da TVG cumpre trinta anos informando sobre o sector da pesca e o marisqueo