A obra para minimizar as perdas de auga en Rosalía de Castro empezarán en breve

Raquel Cocaño, B.C. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A actuación finánciase cunha subvención de Augas de Galicia e vén de ser adxudicada polo Concello de Vilagarcía

27 ago 2024 . Actualizado a las 17:35 h.

A Xunta Local de Goberno acordou o pasado luns adxudicar á empresa Moncosa a obra de renovación da infraestrutura de abastecemento de auga potable no primeiro tramo da avenida Rosalía de Castro, en Vilagarcía. Máis concretamente, trátase da zona que discorre entre a praza de Constitución e o cruce coa rúa Santa Lucía. A actuación, que asignou por importe de 46.101 euros, ten como obxectivo minimizar as perdas de auga que sofre a rede, de xeito «que se avance cara un servizo máis eficiente e sustentable», afirman dende o Concello. Ao contar xa con todos os permisos dos organismos competentes, está previsto que a obra se inicie nos vindeiros días.

O tramo do servizo no que se vai actuar conta cunha canalización de fibrocemento, «antiga e deteriorada», polo que é propenso a perdas e moi vulnerable a roturas e avarías. Por iso, a obra consistirá na substitución do antigo colector de fibrocemento da marxe dereita da rúa por outro de maior diámetro e de PVC. En paralelo á instalación principal, estenderase unha rede de servizo (tamén de PVC, mais de menor caudal) para o enganche das acometidas actuais e instalarase unha boca de rego ou purga, así como as válvulas de conexión inicial e final. Ademais, executaranse as doce acometidas de abastecemento con chave de paso e arqueta.

O proxecto finánciase cunha achega de 37.036,18 euros concedida por Augas de Galicia, a través da liña de axudas para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento das entidades locais de Galicia, e á que o Concello engadirá a suma restante.