Corenta rapaces de 6 a 15 anos iniciaránse no manexo de motos en Fexdega o sábado
VILAGARCÍA DE AROUSA
A iniciativa espertou un enorme interese en Vilagarcía de Arousa e a intención da Fundación Municipal de Deportes é darlle continuidade o ano que vén
02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Xogade coas motos. Este é o nome do programa co que a Federación Galega de Motociclismo e a Xunta de Galicia buscan descubrir futuros novos talentos na comunidade para un deporte de difícil acceso entre os nenos e adolescentes. Logo dunha experiencia piloto con tres paradas o ano pasado, neste o programa autonómico duplicou o seu número de xornadas de iniciación. A última, este vindeiro sábado, no recinto feiral de Fexdega, co Motoclub VF Timing de Vilagarcía de Arousa como organizador e a Fundación Municipal de Deportes de colaborador.
O presidente desta última, Carlos Coira, e a directiva do Motoclub VF Timing Sandra Fernández informaron onte na casa do concello dunha actividade dirixida a rapaces de 6 a 15 anos. «A actividade naceu basicamente para que aqueles rapaces aos que lles gustan as motos e queren empezar teñan a posibilidade de probar a ver se realmente lles gusta, porque non é un deporte moi accesible nin barato», sinala Fernández. Se descobren que é que si, desde a Federación «dámoslles os datos, as directrices para empezar, dicímoslles onde están as escolas para aprender, canto custa a práctica e cales son as modalidades de motos que hai».
A actividade deste sábado fará honra ao nome do programa, di Sandra Fernández. «Os rapaces xogan coas motos. Trátase de facer uns exercicios con conos. Non temos velocidade, simplemente traballamos a técnica, sobre todo equilibrio e traballo co freo. Despois de 40 minutos soen saír andando en moto». Unha iniciación programada en dúas quendas, cos 20 primeiros rapaces gozando da experiencia de 10 a 14 horas e os 20 restantes de 16 a 20 horas, supervisados por sete monitores, cinco deles pilotos en activo.
Sandra Fernández informa de que en todas as paradas do Xogade con motos se completaron as prazas ofertadas, pero que en ningunha houbo tal avalancha de interesados como na de Vilagarcía: «En menos de tres horas voaron as 40 prazas que ofertamos. Temos 83 inscritos, dos cales 76 son rapaces de Vilagarcía». Así as cousas, tanto o motoclub como a Fundación adiantan a súa intención de repetir experiencia o vindeiro ano, coa continuidade do programa autonómico xa asegurada.