O Curtas incorpora unha sala de xogos de rol e un espazo para que artistas novos amosen a súa obra

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

Os creadores exporán e venderán na antiga biblioteca

09 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A apertura das súas cinco exposicións o pasado venres na Casa da Cultura supuxo o inicio da conta atrás cara o arrinque da nova edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. Unha conta atrás que virá trufada ata o vindeiro día 25 de sucesivos adiantos do programa de actividades co que o equipo de Luis Miguel Rosales envolve o certame de curtametraxes e longametraxes. Onte, desvelando dúas interesantes propostas, chamadas a espertar a curiosidade de propios e de estraños entre os amantes dos xéneros fantástico e da ciencia ficción.

A primeira delas é a Artist Alley. Baixo este cartel agóchase, explican desde a organización do Curtas, «un espazo cheo de talento galego no que varios artistas presentarán e porán a venda as súas creacións». Falamos de arredor dunha vintena de autores emerxentes, na súa maioría mozos do país dedicados desde a elaboración de fanzines e obras de banda deseñada ata figuras ou camisetas relacionadas coas temáticas nas que, desde hai dez anos, se especializou a festival decano de curtametraxes de Galicia. Yai, José Francisco Perregil, Kiko Work, Ángela Curro, Loki the cat design, Resinart 3D Galicia, Chatarra Loca ou Sergio Covelo son algúns dos creadores que, os días 26 e 27 de outubro, de 11 a 14 e de 16 a 21 horas, devolveránlle a vida á antiga biblioteca e sala de estudo da Casa da Cultura.

Compartindo espazo coa Artist Alley e repetindo o 1 e 2 de novembro, a segunda planta do edificio municipal transformaráse tamén nunha gran sala de xogos de rol. Será un nivel por riba dun primeiro andar no que as exposicións Cabezóns denominación de orixe, con obra de Enrique V. Vegas, e Dos Urais aos Pirineos, de Jaime Martín, ambientarán as charlas do Curtas, que este ano abandona o Auditorio para concentrar toda a súa actividade na Casa da Cultura.  

A vocación de apertura cara todos os públicos do festival vilagarcián quedaba o luns de manifesto na primeira das visitas escolares reservadas por centros educativos da contorna. Alumnos do Anexo A Lomba gozaron do universo de Batman na Sala Rivas Briones, acudindo con cadansúa máscara do home morcego que fixeran nas aulas.