Cáritas recibe máis de cen menús solidarios 

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Foron realizados polo Obradoiro de Hostalería do Salnés

19 nov 2024 . Actualizado a las 10:31 h.

O Obradoiro de Hostalería do Salnés entregou máis de cen menús a Cáritas Interparroquial de Arousa cumprindo así o convenio de colaboración que mantén con esta asociación dende hai anos. Os menús entréganse envasados ao baleiro e conxelados, o que facilita o seu uso posterior, xa que poden ser distribuídos segundo as necesidades diarias. Este sistema tamén alixeira a carga de traballo dos voluntarios, que pode xestionar os recursos de forma máis eficiente.

Ao longo desta edición do obradoiro, os alumnos do obradoiro prepararon e doaron menús como parte da súa formación práctica nos módulos de legumes, verduras, carnes e peixes. Ademais, en datas sinaladas como o Nadal, o alumnado desprázase ata as instalacións de Cáritas en Vilagarcía de Arousa, onde non só elabora os menús especiais para estas festividades, senón que tamén se encarga do servizo.

«Grazas a achegas como as cedidas polos obradoiros de hostalería da comarca o comedor social pode atender diariamente á crecente afluencia de usuarios que, nalgúns días, pode chegar a superar os 60 beneficiarios», sinala Mar Viqueira, directora de Cáritas Interparroquial de Arousa.