«Alteridades», a imaxinación coma territorio innegociable na sala Antón Rivas Briones

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Guillermo Pedrosa expón en Vilagarcía unha colección das súas novas propostas creativas

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Habita as obras de Guillermo Pedrosa (Vilagarcía, 1958) un fondo poderoso e duro, que alimenta a sensación dun verdadeiro encontro con algo que sae ao paso, interpela e captura a atención. Alteridades, a colección de novas propostas que o autor expón na sala Antón Rivas Briones da capital arousá, supón un paso máis no camiño de transformación que o pintor comezou a percorrer hai anos na procura dunha terceira dimensión que sempre semella facerse presente dun xeito abrupto na plácida monotonía do plano, sometido de súpeto á torsión, á ruptura, a un estoupido xeométrico que fai irromper o volume.

Hai necesidades expresivas, reflexiona Pedrosa mentres percorre a sala, que piden ferro. Todas as pezas que compoñen esta mostra de outredades aparentan unha materialidade metálica que en realidade non posúen. O creador escrebe sobre madeira con pigmentos que recrean a ferruxe sen sela. Mesmo aquelas obras que abrazan a cromaticidade sen complexos preséntanse perante o ollo coma sólidas aleacións. Probablemente resida aquí un máis dos moitos sensos que aniñan no concepto de alteridade, unha sorte de ponte entre o propio e o alleo que facilita a comprensión do outro sen perder unha perspectiva de seu.

Para achegarse ás alteridades pedrosianas non abonda con deixarse golpear polas sensacións inmediatas. O arrebato prende a mecha, pero non é suficiente. Neste encontro é preciso empuñar a peneira intelectual se o que se pretende é captar a súa profundidade. O mesmo autor recoñece que o seu traballo está sometido a un necesario filtro racional do que agroma dende o inconsciente, pedindo saída a todo canto o alimenta, dende a arte plástica ata a música, pasando pola literatura, o ecoloxismo o feminismo e a realidade social na que, queira ou non, o artista está inserido, afectándolle. Unha ollada aos títulos das obras engadirá pistas e suxerirá camiños.

Nun último círculo de alteridade, Pedrosa abre a súa mostra a unha invitada. Reyes Vidal foi convidada a complementar a exposición no seu segundo andar da Rivas Briones con A Cuqueira, un diálogo entre fotografía e pintura acerca da luz e o espazo doméstico. Ata o 26 de xaneiro.