Vilagarcía expresa o seu pesar polo pasamento do mestre de ilustradores Xosé Vizoso
![Serxio González Souto](https://img.lavdg.com/sc/CdQBggL10a3LDXVids7wx8G7QZ4=/75x75/perfiles/184/1622627827856_thumb.jpg)
VILAGARCÍA DE AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/4iRm9Il4olUWQQ06GwN0t4iS64Q=/480x/2025/02/10/00121739212801945790232/Foto/AF11C4F1_193841.jpg)
A biblioteca municipal vén de inaugurar unha pequena mostra da súa obra coma mostra de homenaxe
11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O seu traballo coma ilustrador converteu a Xosé Vizoso nun símbolo da cultura gráfica galega. Nado en 1950 en Mondoñedo, o deseñador finou esta fin de semana cando, precisamente, Vilagarcía viña de inaugurar unha pequena mostra da súa obra na biblioteca Rosalía de Castro, a xeito de homenaxe con motivo do Día da Ilustración, que Galicia dedica este ano á súa figura. Onte, os responsables municipais quixeron transmitir o seu pesar diante do falecemento de Vizoso, en nome dos veciños da capital arousá.
Coñecido por ser quen de traducir a tradición, os temas centrais e as inquedanzas do sentimento galego aos códigos do debuxo, o artista mindoniense levou a cabo unha das súas últimas exposicións na sala Antón Rivas Briones. Foi Creatividade e proceso, un fito que contou co patrocinio do Concello de Vilagarcía e a colaboración da Fundación Artiaga. Corría o ano 2021 e, coma mostra de agradecemento, o creador deseñou o cartel das festas de San Roque daquel verán.
«Foi un traballo no que puxo especial empeño e para o que realizou ata unha ducia de bosquexos», indican fontes municipais. A propia concelleira de Cultura, Sonia Outón, tivo a oportunidade de visitar o seu estudo. «Sentimos moito a súa morte; desde que expuxo aquí creouse unha especial relación con Vilagarcía. Era un gran artista, pero aínda mellor persoa», expresou o alcalde, Alberto Varela.
A traxectoria artística de Xosé Vizoso selou un vencello fundamental coa fábrica de Sargadelos, na que traballou catro décadas xunta Isaac Díaz Pardo, e con Edicións do Castro, creando deseños que son xa iconas contemporáneas do país galego.