Vilagarcía reúne a 130 técnicos e xuíces de ximnasia rítmica

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A vilagarciá Sandra Estrada imparte o obradoiro de actualización de normas xunto a ex olímpica Marta Bobo e Elena Sierra

15 feb 2025 . Actualizado a las 09:28 h.

A Federación Galega de Ximnasia organiza hoxe da man do Club Vilarousa e do Concello de Vilagarcía un obradoiro de actualización da normativa para técnicos e xuíces de ximnasia rítmica. En total, son 130 os profesionais, dous técnicos por cada club galego e todos os xuíces de nivel 1 e 2 da comunidade autónoma, os que participan nunha xornada destinada a coñecer e homoxeneizar as regras que rexen o seu deporte tras os últimos cambios introducidos nelas.

De poñelos ao día encargaráse a ourensá Marta Bobo, referente da ximnasia rítmica española na década dos anos 80 do século pasado, cando rematou novena nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, ano no que tamén recibiu o Premio Reina Sofía á mellor deportista. Bobo impartirá o obradoiro xunto a Elena Sierra, compañeira na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña e autora xunto a ourensá dun gran número de artigos e de libros sobre a ximnasia rítmica. Sandra Fernández, adestradora do Club Vilarousa e xuíza internacional como as dúas primeiras, completa o profesorado da iniciativa, tras participar con Bobo e con Sierra o mes pasado nas xornadas formativas correspondentes organizadas en México pola Federación Internacional de Ximnasia.