Vilagarcía volve acoller o Campionato Galego de Apnea oito anos despois

VILAGARCÍA DE AROUSA

Sete especialistas buscarán o domingo o pase ao Campionato de España
03 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os afeccionados ás grandes xestas deportivas teñen este domingo unha excelente ocasión de comprobar en vivo e en directo un deses exercicios físicos e mentais que demostran que certas persoas están feitas doutra pasta. Desde as nove da mañá, na piscina municipal de Vilagarcía de Arousa, o club Pérez-Sub e a Fundación de Deportes organizan o Campionato Galego de Apnea, a disciplina de mergullo a pulmón.
O presidente do Pérez-Sub, José Luis Peso, explicou onte na presentación do evento deportivo no consistorio vilagarcián as catro modalidades incluídas dentro da apnea deportiva en piscina. Por un lado, a apnea estática, consistente en aguantar o máximo de tempo posible baixo a auga da piscina. Unha especialidade esta na que Xan Lamas tratará de bater a súa marca persoal, que hai escasas datas levaba ata os 6 minutos nunha competición en Valencia.
Os espectadores que acudan á piscina de Vilagarcía poderán ver tamén a práctica da apnea dinámica, cos aspirantes ao título autonómico nadando baixo a auga sen aletas nin gafas, axudándose só dos seus brazos, das súas pernas e da súa resistencia física e mental.
Sobre o mesmo principio co da apnea dinámica, pero con axuda material, figuran as probas de bialeta, cos mergulladores impulsándose con cadansúa aleta nos pés, e a de monoaleta, con ambos os dous pés calzados nun único apéndice, coa dificultade engadida de acompasar o movemento do tronco e das extremidades inferiores para conseguir o maior número de distancia percorrida; como os 200 metros —oito longos dunha piscina de 25 como a vilagarciá— que unha deportista americana fixo o ano pasado, contou José Luis Peso.
O presidente do Pérez-Sub subliñou a enorme dificultade da práctica da apnea, que require, di, «unha preparación previa á entrada na agua de 40 a 50 minutos, relaxando o ritmo cardíaco, a cadencia respiratoria, traballando a hiperventilación...» E sobre todo, conclúe o autocontrol: «O factor máis importante, o 70 % desta disciplina, é mental», ao ter que convencer o propio corpo de que se rebele contra a súa resposta automática á falta da entrada regular do aire.
Todo o anterior explica a curta nómina de aspirantes inscritos no Campionato Galego de Apnea, sete, tres mulleres e catro homes procedentes de Carballo, de Santiago, de Pontevedra, de Vigo e de Vilagarcía de Arousa. Este último, na persoa de Ángel Pazos, deportista do anfitrión Pérez-Sub. Tal é a esixencia da apnea, que en principio ningún dos competidores fará as catro modalidades. No caso de Pazos, só as de estática e a de monoaleta.
O presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira, declarou que é unha honra para Vilagarcía ser escenario dunha cita como a deste domingo, ao tempo que recordou que hai oito anos xa se fixera o mesmo campionato na capital arousá.
Homenaxe a Pablo Blanco
O club Pérez-Sub aproveitará unha cita do nivel do Campionato Galego, clasificatorio para o Campionato de España de Apnea, para renderlle homenaxe, a título póstumo, a un dos seus integrantes, Pablo Blanco, falecido hai escasas datas mentres exercía a súa profesión nos bancos marisqueiros do Grove. Será xusto antes da cerimonia de entrega de trofeos da competición.