O pavillón de Fontecarmoa pasará a chamarse oficialmente Sara Gómez este sábado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A ex xogadora de baloncesto descubrirá unha placa coa súa imaxe e o seu nome locerá na fachada da instalación municipal

23 abr 2025 . Actualizado a las 21:10 h.

A decisión fora acordada por unanimidade dos membros da corporación municipal de Vilagarcía de Arousa hai meses, pero non será ata este sábado que o pavillón municipal número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa pase a chamarse Sara Gómez. Nun acto no que a propia deportista descubrirá unha placa coa súa imaxe na entrada da instalación, que contará co seu nome rotulado na fachada xunto coa identidade corporativa do Concello, e que será referendado pola correspondente aprobación administrativa no pleno da corporación municipal o día 30, previsto inicialmente para hoxe.

O novo bautizo do pavillón, reaberto no segundo semestre do ano pasado tras unha longa e profunda remodelación, produciráse ás 18.45 horas do sábado, quince minutos antes do inicio do que será o derradeiro partido da temporada en Vilagarcía do ex equipo de Sara Gómez, o Mariscos Antón Cortegada. Durante o descanso do mesmo, co Maristas Coruña coma rival, reproduciráse un vídeo homenaxe á xogadora, á que se lle entregará ademais un obsequio.

«Non só foi unha figura emblemática a nivel local, senón que tamén levou o nome da vila por todo o mundo», declarou onte o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, recordando a presenza de Gómez nos Europeos Sub-18 do 2004 e Sub-20 do 2006 e nos Mundiais Sub-19 do 2005 e Sub-21 do 2007, así como a súa experiencia na Eurocup feminina co Cortegada no curso 2008-09. «As súa dedicación e paixón polo baloncesto inspirou a moitas rapazas», salientou o rexedor.