O Breogán gaña a Liga de Primeira e sobe á Preferente do xadrez galego

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O equipo grovense xogará a vindeira temporada na categoría de prata das Ligas Galegas

06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Xadrez Breogán proclamouse a pasada fin de semana campión de Liga no Grupo C da Primeira División. Un éxito que lle permite ao primeiro equipo da sección do club marítimo, deportivo e cultural do Grove escalar á Preferente, xogando a vindeira temporada na categoría de prata das Ligas Galegas de Xadrez, a competición regular autonómica por equipos.

Chegaba o Xadrez Breogán á derradeira xornada do calendario dependendo de si mesmo para acadar o título e o ascenso. E non fallou. Ante varios dos novos valores do veciño Club Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, impúxose 3-1, xusto o resultado que precisaba para acadar o obxectivo. No Pavillón de Deportes Náuticos Tono Campos, o conxunto local tirou proveito da súa maior experiencia. Diego Henriques e David Torres gañaron os seus duelos, mentres que Alberto Devesa e José M. Álvarez completaron o punto restante para os locais asinando táboas con cadanseu rivais.

As once roldas do calendario da Primeira División finalizaron co Xadrez Breogán lucindo unha tarxeta de oito vitorias, un empate e dúas derrotas, cun total de 30 puntos no seu haber.